Laxe acolle unhas xornadas da ciencia sobre Isidro Parga

La Voz

CIENCIA

24 sep 2007 . Actualizado a las 03:00 h.

O científico e xeólogo de Laxe Isidro Parga Pondal, finado o 4 de maio de 1986, é a figura central das xornadas sobre Ciencias no territorio que comezan hoxe. Ás actividades, que se desenvolverán na vila laxense na súa maioría, asistirán 80 profesionais do ensino e están promovidas polo centro de recursos territorial de Educación.

As conferencias e demais traballos comezarán ás catro e media e rematarán ás oito e media da tarde. O sábado será o último día e o horario é de dez a dúas. A primeira actividade consistirá nunha saída e estudo dos cortes do terreo e os Penedos de Traba nunha visita guiada polo Juan Ramón Vidal Romaní, catedrático e director do Instituto Xeolóxico Isidro Parga Pondal, entre Soesto e Arnado (Laxe).

A xornada do martes versará sobre a ciencia nos medios de comunicación. A conferencia será impartida por Manuel Vicente. Tamén será presentado o Atlas Ambiental de Laxe e concluirá cunha visita guiada pola capital do concello, neste caso por Xan Fernández Carrera co fin de ver todos aqueles lugares e edificios que puideran ter relación con Isidro Parga Pondal.

Ese mesmo día, a que durante moitos anos foi mestra na vila laxense Florinda Añón fará unha presentación dun recopilatorio de artigos e publicación en xornais e outros medios sobre o científico Isidro Parga. Este material será entregado nun cd a todos os participantes.

O mércores corresponde unha visita a Sada, co obxectivo de ver o Laboratorio Xeolóxico de Laxe. Os participantes no cursiño serán divididos en dous grupos. Mentres que uns percorren as instalacións científicas os outros participan nun obradoiro de cerámica. A visita será guiada, de novo, por Juan Ramón Vidal Romaní.

O xoves tamén será intensa a xornada de ciencias no territorio, que empezará cunha mesa redonda sobre a figura de José Baña Heim, mestre de Camelle que foi autor del primeiro libro que se publicou sobre os naufraxios da Costa da Morte e que aínda segue sendo un referente. Participarán, entre outros, Soledad Baña, Xelucho Abella e Xan Fernández Carrera. Asimesmo, a contacontos de Canduas (Cabana) Tamara Lema representará un texto de Manuel Rivas acompañada coa música de Xosé Manuel Varela, ao acordeón diatónico, e Miguel Calvos, ao tamboril.