Reportaxe | Os poderes da auga Na Costa da Morte perviven multitude de crenzas e prácticas relacionadas co poder curativo e mesmo milagreiro que desde antigo se lle outorgaron aos manantiais
19 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Na Galicia dos mil ríos e as mil fontes, a auga abondosa nestas terras sempre foi un ben valorado, venerado e, ás veces, inxustamente tratado. Este ben natural tan necesario para a vida discorre tal veas enchendo de colorido e frondosidade as nosas paisaxes. Pero este ouro líquido, á parte de suplir unha necesidade existencial para o home e as súas actividades, sempre tivo un matiz purificador vinculado á cura de doenzas, case de carácter divino. É que non hai distinción; tanto as augas doces, salgadas, termais ou minerais recibiron dende tempos inmemoriais o culto do home, que distinguiu nelas un axente de saúde inigualable. Na actualidade está máis que comprobado o carácter beneficioso de certo tipo de augas como as termais ou as minerais, que, pola súa composición, teñen propiedades que as fan recomendables para a mellora do estado físico e a curación de certas doenzas. Hoxe están de moda os balnearios ou os chamados centros spa , lugares onde o líquido transparente é o axente utilizado para acadar o benestar físico e mesmo mental. Pero isto non é un descubrimento, máis ben hai que falar dun redescubrimento, pois estes espazos non deixan de ser unha adaptación moderna das míticas termas romanas. Os Baños Vellos de Carballo son un exemplo. Aínda que pouco se sabe da súa historia, os vestixios aparecidos nas súas inmediacións fan pensar no disfrute das propiedades termais dende a antigüedade. Pero a historia deste balneario comézase a escribir a partir de 1716, cando se derruba a antiga construcción e levántase unha edificación que será o xerme da que vemos na actualidade. O líquido que brota neste balneario resulta terapéutico polo seu contido en sulfuro de sodio. Augas milagreiras Ademais deste tipo de augas, das que as súas propiedades terapéuticas están empiricamente comprobadas, existen outras suxeitas á superstición e cualificadas de milagreiras. Este é o caso das correntes fluviais utilizadas como leito de espellos que esnaquizaron. Para evitar o mal augurio, o ritual empregado é o de tirar os anacos de espello co reflexo cara abaixo nunha parte do río onde a corrente sexa abundante. De non facelo así, a mala sorte depositarase na persoa que esnaquizou o espello. O mar tamén é obxecto de culto, aínda que as prácticas son menos numerosas. O poder atribuído é de sobra coñecido en certas zonas. Este é o caso da Lanzada (Pontevedra), onde, a pesar de estar coroada polo santuario da súa Virxe, seguen a sobrevivir ritos vinculados a outra época e outras crenzas. Esta praia é coñecida en toda Galicia polo rito do baño das nove olas ao mencer, conferíndolle ao mar o poder da fecundidade. Pero, se de poderes se trata, é nas fontes das nosas ermidas onde se acumulan os máis prodixiosos ritos e poderes sanadores e milagreiros. Pero estas crenzas vinculadas ás virtudes das augas veñen dende tempo atrás. Xa na época romana era moi habitual dedicar os mananciais e o líquido que brotaba deles ás ninfas, divindades femininas habitantes e donas de fragas e fontes. Coa chegada do cristianismo intentouse abolir calquera tipo de práctica pagá. A primeira medida adoptada foi imposta por San Martiño de Dumio no século VI, condenando este tipo de prácticas hídricas. Sendo insuficientes as condenas, a igrexa adoptou outra estratexia: cristianizar todos estes lugares. Agora, os protectores e protagonistas de milagres ían a ser os santos e santas que ían configurar un novo imaxinario popular.