O Concello presentou este martes unha programación lúdica e cultural «para todos os públicos»
03 feb 2026 . Actualizado a las 18:42 h.O Concello de Zas presentou este martes os detalles do seu entroido, do que destacou unha programación lúdica e cultural para todos os públicos, con peso do concurso de disfraces: será o martes 17 de febreiro, no polideportivo, organizado polo departamento de Cultura e con 2.600 euros en premios. Comezará ás 19.00 horas, se ben xa dende as 17.00 haberá inchables, maquillaxe, xogos e animación con Duende Circo e DJ Rokiño. No certame, varias categorías: A, de 0 a 5 anos, e B, de 6 a 14, con premios de 200, 150 e 100 euros; C, para maiores de 15 anos, con galardóns de 300, 200 e 100 euros, e finalmente grupos e comparsas, cun mínimo de tres persoas e recompensas de 400, 300 e 200 euros. Hai que engadir o Premio Especial Zaschoqueiro, 200 euros. As inscricións están abertas, nos centro socioculturais de Baio e Zas.
Cómpre destacar do programa, doutro lado, os campamentos de conciliación, días 17 e 18, de 10.00 a 13.30, gratuítos. Subliñou Manuel Muíño, alcalde, o esforzo nese sentido. Haberá asemade Festa de Entroido no pavillón de Baio o sábado 14, e obradoiro infantil nas Torres do Allo o domingo 15.