«Estrearemos en Vimianzo o formato para teatro de 'Na cerna do son'»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO/ LA VOZ

VIMIANZO

Iván Villar, director artístico do espectáculo que acolle mañá Vimianzo
Iván Villar, director artístico do espectáculo que acolle mañá Vimianzo .

Gallaecia Eventos abrirá este sábado a programación de outono na capital de Soneira cunha obra en torno á emigración: 20.30 horas, entradas en woutick.es

26 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá • Na axenda cultural desta fin de semana, botará a andar mañá, sábado, ás 20.30 horas, a programación do auditorio de Vimianzo para os vindeiros meses. Farao con Gallaecia Eventos e o seu espectáculo Na cerna do son, en certa medida unha estrea: entradas (5 euros) en woutick.es, ou ben o propio día dende una hora antes. Grandes músicos no escenario, tamén baile, unha voz narradora inconfundible, e detrás de todo isto, como director artístico, un ceense, Iván Villar, mais moi ligado a Soneira como mestre dos grupos Foliada de Salto ou Airiños do Río Grande, de Calo e Pasarela:

—Está aquí debaixo das táboas.

—No caso deste espectáculo non traballo a coreografía, ou a música, senón o movemento dos artistas e músicos no escenario, para xerar un fío condutor a nivel escenografía, vestiario... Que sexa un todo. O reto é levalo a escena como o tes na mente e facelo cos medios que tes, que aquí en Vimianzo son bastantes e bos. Creo que vai quedar redondo. Na cerna do son é un espectáculo que empezamos a rodar en exterior este verán, mais o formato grande, en teatro, estrearémolo este sábado en Vimianzo, onde vimos facendo residencia durante a última semana.

—Falan dunha viaxe de ultramar, da emigración.

—Quixemos contar esa ida e volta, moitas veces só ida, dos migrantes galegos a principios do século pasado. Levan o fío Ricardo Fernández, bailarín de Nova Galega de Danza, e Paty Lesta, vocalista. Todo iso rociámolo con textos e a fermosa voz de Luís Iglesia, inconfundible, así como coa música de Cristian Leggiero e Moisés Fernández, dous cracs ao piano e percusión. Está tamén ao caixón Karlos Barral, e xuntos plasman algo que está aí, porque os galegos non deixaron de emigrar. Hai textos de Castelao e outros máis actuais.

—A música, de aquí e acolá.

—Exacto. Hai na peza ritmos dun lado e do outro do Atlántico. Muiñeiras, xotas, algun alalá, salsa... Aí está Negra Sombra de Rosalía, xa parte do noso folclore... Realmente, a música é universal. Compartimos ritmos ternarios, ritmos binarios, podemos comezar unha mesma canción con muiñeira e rematala en salsa de forma clara, pero percibindo dentro esa muiñeira. Como unha irmandade das músicas.

—Como os están acollendo?

—Co formato de rúa, que foi co que estivemos traballando e que levamos por exemplo a Cee aínda que fose en auditorio, aínda non tiñamos toda a iluminación e posta en escena que si teremos nesta ocasión en Vimianzo. Aínda así, en xeral, o feedback foi marabilloso, a xente emocionada, remove por dentro, séntense identificados, porque ao final é un tema moi recoñecible. Hai ledicia, recordos...

—Podemos dicir que estamos ante un musical teatral?

—Podemos, ou ante un concerto bailado, pero cun fío.

—Acaboulles saíndo unha homenaxe a os migrantes.

—Non o concibimos así, senón coa única idea de contar unha historia, pero ao final quedou en verdade unha homenaxe. Presentamos a historia sobre un escenario, dándolle unha visibilidade extra.

—Estrean en Vimianzo, xa reivindicado como faro cultural.

—Éo, e cun auditorio moi ben equipado. É unha marabilla poder ter tido aquí esta residencia antes da estrea. Agradecidos a Nieves Lema, técnica de Cultura, ao propio departamento de Cultura e a todo o Concello. Encantados.