Manuel Rial: «Estamos preparados para gozar todo o día dos muíños de Vimianzo»
VIMIANZO

A oitava edición da Muiñada vimiancesa será este sábado 21 de outubro, pasado mañá. ¡Completo menú!
19 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Sábado • Vimianzo acollerá este sábado unha das citas xa esenciais do outono na Costa da Morte, a súa Muiñada. «Iso intentamos, unha cita de referencia», contou este martes en Radio Voz Manuel Rial. Van pola oitava edición, organiza Cherinkas coa colaboración do Concello e da Deputación e a axuda de entidades como Trubisquiña ou O Ariete, a maiores do traballo de persoas a título individual. «Temos que estar orgullosos e contentos, hai mans e brazos para traballar, hai ilusión, renovación, as cousas vanse facendo», indicaba Rial sobre esta «antropofesta», capaz de superar e mesmo saír reforzada dos anos de covid.
«Estamos preparados para disfrutar durante todo o día dos muíños de Vimianzo», anunciou. Esa é a esencia da celebración. O menú lúdico será ben intenso, así que para non perderse nada, o mellor é saber que son tres os espazos esenciais. O primeiro deles (10.30) será «grande e longo», en tanto que se trata dunha ruta de sendeirismo teatral de catro quilómetros que sae de San Fins de Cambeda e acaba no entorno da igrexa parroquial, de grande interese etnográfico e natural. Muíños, fervenzas, un carballo milagreiro... todo da man de varios mozos. Como guía, David Roget; e como compango da ruta, vimianceses e vimiancesas que representarán personaxes da época na que os muíños tiñan vida.

Será todo o sábado unha viaxe aos anos 40 ou 50: de feito, convidan a ir ataviados acorde a ese tempo, pois as mellores galas terán agasallo. Na hora da sesión vermú a actividade pasará ao Muíño da Gándara (13.30), onde un grupo de Mos, As Lagharteiras —moi populares sobre todo dende a súa colaboración con C. Tangana— ofrecerá un concerto. Tarde e noite, en terceiro lugar, desenvolveranse en torno ao Muíño da Agra, no casco urbano: Romaría Cativa, xogos do millo e campionato de debullado; un obradoiro de bailes da Terra de Soneira con Ramón do Serrador (novidade, 17.30); foliada das 19.00 en adiante con grupos chegados de dentro e fóra da Costa da Morte e noite de concertos das 21.30 en adiante: o case debut de Alana, Xosé Lois Romero & Aliboria e Mondra. Para a foliada sumarán forza Adro de Baio, Cantigas e Agarimos, Fouliada de Mazaricos, Jolpe de Mar de Camelle, Os Farrapos de Cesullas, Arnela (Queiroa), Os Petadores de Zas e Trubisquiña. «Veñen de forma desinteresada para colaborar coa festa», indicou Rial, trasladándolle o agradecemento da organización. O furacán Mondra ou Xosé Lois Romero e Aliboria xa levan un tempo dando que falar, como tamén o fará nun futuro non lonxano, considera, Alana. A Muiñada será para eles case a súa estrea: son Pablo Castro (Vimianzo), Eloy Vidal (Corme) e Antía Vázquez, unha das compoñentes do grupo Pan Sen Fron.
Esencial tamén na Muiñada será a gastronomía, coa fariña de millo como ingrediente principal: empanada, bolos preñados, filloas á pedras feitas baixo carpa e caldo. Como se dicía, un menú intenso o desta Muiñada, que inclúe a maiores unha mostra sonora tributo a Dorothé Schubart.
Entradas
A excepción da sesión vermú, dos concertos da noite e da cea, o restos das propostas son de balde. Existe opción de bono para todo o día, e tanto estes como as entradas se poden conseguir por adiantado en woutick.es, a prezos módicos: «Somos unha asociación sen ánimo de lucro, pero a cultura non é gratuíta, temos que poder financiarnos, e se se quere poder disfrutar de grupos de referencia coma estes...», reflexionou Rial.