«Foi esta actitude combativa de Luis Varela a que suscitou a queixa da autoridade falanxista local ante o arcebispo de Santiago»
08 nov 2025 . Actualizado a las 12:13 h.Chamábase Máximo Cruz Palacino. En plena Guerra Civil, o 5 de xullo de 1938, fora ascendido a alférez provisional de Infantería. Un ano máis tarde, no terceiro ano triunfal de 1939, convertérase en tenente provisional, con destino ao Rexemento Burgos. E pasados trinta e cinco anos, o fragor fratricida da guerra deixara paso á modesta e «tranquila» Jefatura Local del Movimiento de Puenteceso.
Así reza o selo da carta que enviou ao arcebispo de Santiago, queixándose dun asunto que por aquel entón, en agosto de 1975, tiña perturbada á veciñanza de Ponteceso e da contorna: a posible instalación dunha papeleira en Cospindo, no esteiro do Anllóns. No mes de marzo do ano seguinte, xa morto Franco, os contrarios a esta industria protagonizarían unha multitudinaria manifestación, non autorizada.
O outro protagonista desta historia foi o sacerdote Luis Varela Rama, falecido aos 76 anos hai cinco anos, en maio de 2020, como párroco emérito de Cores e Mens; levara tamén as parroquias de Barizo, Cerqueda e Vilanova. En 1975, cando ocorren os feitos que nos ocupan e dos que se cumpren 50 anos, era coadxutor de Tella, é dicir, axudante do párroco titular Armando Arnejo Ordóñez, quen exerceu durante medio século (50 anos!) o curato da parroquia de Anllóns e dos seus anexos (O Esto, Silvarredonda e Tella).
Luis Varela nacera no 1942 en Cores, e supoñemos que esta circunstancia guiou a súa conduta: como pontecesán de nacenza, estaría máis sensibilizado respecto á ameaza da papeleira, polo tanto non dubidou en facer causa común cos seus fregueses, que eran ademais os seus paisanos. E todo isto a despeito doutra forza viva: a Falange Española Tradicionalista y de las J.O.N.S. Faltaban só tres meses para a morte do ditador.
Foi esta actitude combativa de Luis Varela a que suscitou a queixa da autoridade falanxista local ante o arcebispo de Santiago, como lemos na carta que atopamos nos fondos de arquivo da administración diocesana:
«Jefatura Local del Movimiento. Puenteceso (La Coruña). Teniendo noticias esta Jefatura Local, de que el Sr. Coadjutor de Tella, D. Luis Varela Rama y algún Párroco de esta zona de que durante la celebración de actos religiosos, mezclan los hechos de hacer una campaña a la contra, para la instalación de una planta papelera en la parroquia de Cospindo y como, al modo de ver de esta Jefatura, no concuerda con la verdadera labor de los representantes de Cristo en la Tierra, es por lo que denunciamos enérgicamente la acción, que en lugar de producir efectos favorables, se está consiguiendo todo lo contrario, esperando que Vuestra Excelencia Reverendísima tome la decisión de cortar estas acciones perjudiciosas para toda la Comunidad de fieles.
Lo que comunico a Vuestra Excelencia Reverendísima para su mejor conocimiento y efectos oportunos. Por Dios, España y su Revolución Nacional-Sindicalista. Puenteceso, 16 de agosto de 1.975. Máximo Cruz Palacinos».
A esta exhortación do camisa azul Máximo para que cadaquén se dedicase ao seu negociado, e o dos cregos era pastorear ovellas e curar almas, contestou, do seu puño e letra, o mesmísimo arcebispo. Naquela altura era o vasco Ángel Suquía Goicoechea, que sentou na cátedra compostelá na década 1973-1983. A súa lacónica instrución ao secretario, escrita á marxe da carta do falanxista, podería soar a finezza diplomática, non exenta de desdén: «D. Juan: vea cómo se le contesta, si se le contesta. Suquía. 26. VIII. 75». Nos estertores do franquismo, semella que a Igrexa, desde o cura de base ata o Reverendísimo, tamén soubo ás veces poñerse de parte do pobo.