Sandra Pesqueira, docente no obradoiro de emprego de Muxía, Camariñas e Vimianzo: «É clave que a xente local coñeza o seu»

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

ANA GARCIA

TURISMO A TODA COSTA | A monitora da especialidade de Promoción turística local e información ao visitante incide en que, duns anos a esta parte, o visitante busca outro turismo: experiencias

16 mar 2021 . Actualizado a las 22:43 h.

Sandra Pesqueira Pérez (Marín, 1973) é a docente da especialidade Promoción turística local e información ao visitante do obradoiro dual Camiño ao emprego impulsado dende os concellos de Muxía, Vimianzo e Camariñas. Este traballo converteuna temporalmente, ademais, en veciña da vila muxiá. «Das Rías Baixas ás Rías Altas. Encántame. Isto é de espectáculo: como soa Muxía de día e de noite! Coñecía Muxía porque a Costa da Morte gústame moito, pero coñecíaa de visitante, de viaxeira, non como residente, que é algo moi distinto. O mar de aquí impresiona: eu, que son da parte interior dunha ría, estou acostumada a un mar plano, chan, non hai este remuíño de ondas e vento... Foi un inverno impresionante». Diplomada en Turismo, Sandra vai agora pola metade do grao nesta materia, actualizando a súa formación (no seu día só había diplomatura). Ten tamén un máster en Xestión de Empresas e Destinos Turísticos, ademais doutro en Educación e formacións e cursos diversos. Este obradoiro non é para ela o primeiro: pasou por Santa Comba, Vilanova, Vilagarcía de Arousa...

-A súa experiencia xa o di, mais que diferente é o turismo cando implica experiencias no terreo.

-Si, e nós no obradoiro imos por esa vía. As experiencias no turismo, agora, son o principal, é a tendencia xa duns anos a esta parte. A xente quere vivir o turismo dende dentro, dende a veciñanza, dende as costumes da xente, vivir o que realmente é a vila en si, que non sexa un Disney, senón unha cousa moi diferente.

-Que abordan cos alumnos-traballadores desta rama turística?

-Temos alumnos que van dende os 25 anos ata os 50 largos: son 8, catro de Muxía, dous de Camariñas e dous de Vimianzo. Hai unha parte de formación teórica, que supón certificado de profesionalidade, algo moi importante: é unha formación regrada. Esta parte teórica ten varios módulos, e trátase información turística, promoción, calidade... Un pouco todo o que teñen que saber á hora de informar a ese visitante que mencionabamos. A outra das partes clave é a de obra, como eu lle chamo, aquela que se fai para os concellos. Nun principio recompilamos toda a información, para saber nós os elementos que podemos atopar neles: dende recursos turísticos a lendas, a parte sociolóxica, formas de vida, a parte económica... Unha vez coñecido o territorio, propoñemos accións para a súa posta en valor. Non só o facemos para o visitante-turista, porque unha parte moi importante, ou a min así mo parece, é que a xente local coñeza o seu. É a única maneira de que o respecte: se quen vive nestas vilas non aprecia o que ten é imposible que saiba transmitir á xente de fóra o incribles que son estes tres concellos, o seu patrimonio.

-Unha desas accións son as catro rutas anunciadas para Semana Santa, do 29 ao 31 de marzo?

-Si, é un deses exercicios. Son alumnos que están iniciándose, e creo que as rutas que propuxeron están moi ben [pode consultalas aquí]. Nalgunha ata haberá música. Empezamos por aí para que eles poidan practicar como se elabora un percorrido, falar en público, como transmitir o contido... Ocupámonos de todo o proceso, incluída a redacción das notas de prensa.

ANA GARCIA

-É unha mágoa que teñan ese límite de prazas obrigado.

-Si, mais como todo o facemos a nivel oficial, estas son as restricións a nivel turístico que agora están en vigor por parte da Xunta. De cara ao verán, porque nós remataremos a finais de setembro, se os concellos nolo piden e hai demanda, o que podemos facer é seguilas ofrecendo a posteriori, darlle continuidade ás propostas.

-Vese ilusionada.

-Moito. O grupo amosa interese e fan un traballo importante.

-Nalgún caso houbo descuberta de cousas que, pese a ser veciño do concello, non coñecían?

-En todos. Ocorre nos obradoiros cando se fai esta fase de documentación. Se non te dedicas a isto ou a algo similar, e incluso así, nunha investigación sempre atopas algo que non coñeces.