«A valoración do patrimonio ten moito que ver coa educación e pouco cos cartos»

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Docentes, respecto, turigrinos, gastronomía... Toca esta muxiá-ferrolá moitos paus: Iria Haz é historiadora da arte 

28 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Graduada en Historia da Arte pola USC e cun máster en Estudos Medievais Europeos, Iria Haz Picallo (1994) asegura que sempre lle tiraron historia e arte. Conta que, con frecuencia e dende pequenos, seus pais levábana a ela e a seu irmán a viaxes culturais. Gaba, tamén, aos docentes: «Nunca lle damos aos profesores a importancia que merecen, pero é a única profesión que crea todas as demais». Lembra a Chelo, mestra de Historia da Arte no Concepción Arenal de Ferrol: «Foi unha inspiración: saímos unhas cantas historiadoras da arte dese curso». Metade de Muxía e metade de Sillobre (Fene), Iria vive a cabalo entre a vila da Barca e Santiago. «Ser de Muxía é moi top sexas ou non historiador de arte, pero é certo que a medida que vas adquirindo coñecementos valoras doutro xeito o patrimonio que tes ao carón», afirma. Non todo é bo: «É duro ser historiador da arte e ver o desinterese xeral por certos monumentos, incluso o estado de abandono e indiferenza por parte de quen debería protexelos», lamenta.

Haz pasou polo Museo das Peregrinacións de Santiago; polo do Voluntariado de Muxía, onde tamén exerceu de técnico na oficina municipal de turismo e atención ao peregrino; así como pola oficina de Corcubión. Turistas e peregrinos, dous puntais nesta comarca e na de Barbanza. O traballo na vila da Barca permitiulle ver que, «obviamente, as prioridades dos que veñen en coche e dos que levan camiñando semanas son diferentes». Engade: «Parece que a diferenza se distorsiona máis nos turigrinos. Non sei por que para algún este termo ten connotacións negativas. As dúas veces que fixen o Camiño, fun turigrina».

Iria está sendo este verán guía no dolmen de Dombate, en Cabana. A chegada, confesa, foi un tanto «accidentada». Comezaba en marzo, con moitas ganas, pero menos de quince días despois decretábase o estado de alarma: «Houbo que ir para a casa». Por sorte, púidose volver. Afirma que na catedral do megalitismo descubriu moitas cousas: «Sempre tirei moito para a arte medieval, e tiña uns coñecementos máis básicos de prehistoria. O bo deste traballo é que sempre hai lugar para seguir aprendendo, nunca o sabes todo».

«Valorar é respectar»

Aprecia que, pese á costume de pensar que o que se fai noutros países é mellor, «tampouco é así». Pon o exemplo do dolmen, con acceso e actividades de balde: «Moitas veces os visitantes comentan que lles chama a atención que non se cobre, porque por un ben así ‘en otros países nos harían sacar la cartera’. Eu discrepo: creo que a valoración do patrimonio e dos recursos culturais non pasa por sacar a billeteira, sempre pensei que o acceso á cultura debería ser gratuíto. Valorar é respectar, e respectar implicaría non utilizar flash cando así o indica a normativa do lugar, ao igual que gardar silencio cando se está visitando un monumento ou, por exemplo, indicarlles aos rapaces que non se debe correr, senón atender aos guías cando falan, facerlles preguntas se non entenden... Así conseguirase que comprendan a importancia do lugar, e desenvolverán un respecto que intentarán, á súa vez, transmitir. Desde o meu punto de vista, a valoración do patrimonio ten moito que ver coa educación e moi pouco cos cartos». Cre que os veciños son, moitas veces, os primeiros en valoralo: «Sería inimaxinable Cabana sen o dolmen; Muxía sen a Barca; Corcubión sen a igrexa de San Marcos ou Vimianzo sen o castelo: pasan a formar parte da identidade colectiva e os veciños, na maioría dos casos, non necesitan leccións sobre estes bens porque, inconscientemente, téñenos asimilados a si mesmos».

Doutra banda, opina: «Galicia e o seu patrimonio, agora mesmo, véndense sós. O que si creo que hai que facer é estar á altura deste patrimonio e dar unha resposta eficiente ante o crecemento do turismo». Explícase: tendo unha riqueza eclesiástica medieval «impresionante», na Costa da Morte «cóntanse cos dedos da man as igrexas cun horario de apertura ao público con fin turístico». Afirma, tamén, que a estas alturas hai municipios que non poden permitirse ter as oficinas de turismo abertas só en verán. Sinala, finalmente, que se ben o covid trouxo medidas restritivas, á vez pode supor unha posibilidade para revalorizar aqueles recursos que non están «en primeira liña», pero que non por iso son menos importantes. Para Iria a arte é unha forma de vida. Vea en moitos aspectos: para ela arte son «unhas boas navallas á prancha e unha botella de Mar de Frades». No futuro máis próximo, di, ten un libro a medio ler, un tabique a medio tirar, un armario a medio montar e unha tese a medio facer.