Levo tres ou catro anos vendo as cabras do monte do Cabo Fisterra. É cuestión de sorte, pero case sempre toca. Antes tamén, pero de xeito máis esporádico. Sería que había menos, ou que non se achegaban. Van gañando confianza. Agora xa forman parte daquel extraordinario ecosistema natural. Son cabras con dono particular, pero algo habería que facer para que non abandonen o entorno do faro, aínda que se moven nun radio moito máis amplo polo Cabo.
Á marxe da principal función, que é manter limpo o monte (obviamente, o propietario tamén ten os seus intereses), estanse convertendo de paso nun recurso turístico. Con certo perigo se un se despista, claro. Perseguilas para a foto, só o xusto, e pisando forte. Móvense polos cantís da cara oeste como fan (obviamente) as cabras, axilmente, con equilibrios sobre rochas que ata lle poñen medo a quen as está ollando. Parece que van caer ao precipicio, ao mar, pero as máis interesadas en que iso non ocorra son elas, e cando te das conta xa están a 50 metros.
Pero cando andan máis por arriba son moitos os visitantes que se achegan, e a verdade é que os animais, sabedores tal vez do interese que espertan entre o seu público, achéganse o xusto á xente como detalle de educación ou tamén de curiosidade, que non só é humana. E aló se van ao dereito entre as xestas, buligando, unhas chamando polas outras, e mesmo cruzando con total tranquilidade a explanada previa ao faro. Que, por certo, leva o nome de Stephen Hawking, pero iso sabémolo porque se aprobou nun pleno, non porque alí instalasen a placa ou cartel como si fixeron noutras rúas do Concello.