Dumbría promove as súas segundas Xornadas «Mulleres, memoria e dignidade»

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

DUMBRÍA

Recreación da imaxe de Ruth Matilda no ano 2024
Recreación da imaxe de Ruth Matilda no ano 2024 ANA GARCÍA

25N | O lema deste acto será «A muller e o traballo». O programa concéntrase arredor do 21 e 22 deste mes

19 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Venres e sábado • Logo do éxito acadado na primeira edición, no 2024, o Concello de Dumbría volve programar arredor do 25N —Día da Eliminación da Violencia contra a Muller— as Xornadas Mulleres, memoria e dignidade. «Queremos manter esta xornada como unha reivindicación da memoria e da historia do Ézaro a través das súas mulleres. Este ano será A muller e o traballo (...) Dignificaremos os traballos que durante décadas sostiveron a comunidade», trasladan dende o consistorio.  

O programa inclúe unha primera cita para o venres, ás 15.00 na praia do Ézaro, onde se recreará a fotografía tomada pola etnógrafa e fotógrafa Ruth Matilda Anderson. Veciñas e veciños evocarán aquel intre que inmortalizou Anderson tirando da arte: «É unha convocatoria aberta a todo o mundo». O groso da programación, non obstante, desenvolverase o sábado 22 dende as 10.15 horas no edificio Bitácora do Ézaro.

Para comezar, a primeira presentación oficial do libro Ruth Matilda Anderson: tradutora das marxes, recentemente publicada pola investigadora Alba Rodríguez. Presentará o xornalista Santiago Garrido e intervirá tamén Ana Cabana, do departamento de Historia da USC. Ás 11.15 terá lugar a mesa redonda As mulleres do Ézaro e o traballo, coa participación da veciñanza e moderada polas xornalistas Paula Castiñeira (Cee) e María González (Dumbría). Finalmente, ás 13.00, chegará a conferencia Mulleres de Dumbría na ciencia, a cargo de Isaura Pérez, de Berdeogas, médica especializada en oncoloxía e investigadora.