Avante

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CORCUBIÓN

Hai poucos anos tiven a sorte de percorrer o golfo de Morbihan, na Bretaña, en barco, con parada no extraordinario dolmen de Gavrinis. Para coller o barco case me lio, porque había varias opcións, e iso que era inverno e o mar estaba moi revolto. Pero a demanda é tan boa que as rutas son constantes, e dende hai moitos anos. Xa dicía Castelao no 1929, cando visitou moitos dos seus cruceiros (varias persoas da Costa da Morte tamén o fixeron), e Cunqueiro un pouco despois, que Galicia tiña moito que aprender da Bretaña en tantos aspectos. E se eles o dicían, outros anónimos tamén o pensamos.

O seu aproveitamento e protección patrimonial son un modelo a seguir, pero non o único. Aquel día, que case ía eu só no barco, matinaba se algo así non sería posible na Costa da Morte. Xa sei que a ría de Corcubión e o seu entorno son máis pequenas, pero non lle andan lonxe (diría que o superan) en riqueza paisaxística. Así que é todo un avance que cada vez haxa, como xa hai, posibilidades de embarcar en Corcubión, en Fisterra, no Ézaro... e navegar por unha zona que namora e que obriga a repetir e a tripitir. Cónstame que algún emprendedor non para de recibir peticións, e que a xente queda encantada. ¿Como non quedar se podes ver a fervenza do Ézaro dende a auga, o león do Centolo, dobrar o Cabo Fisterra, moverte pola Lobeira Grande e arrecender as figueiras que de novo medran na súa horta? Aínda que, para gustos, do mellor é a fascinación que produce a sinxela e habitualmente esquecida (e asolagada en mareas altas) Lobeira Pequena. Branca, silenciosa, granítica... Un paraíso aí, na beira e no medio.