José Manuel Menéndez: «Temos unha responsabilidade co lugar que habitamos»

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

Nun contexto tan delicado como é a pandemia, Senda Nova segue a traballar polo patrimonio cultural e ambiental

27 abr 2021 . Actualizado a las 14:38 h.

«Non temos que adaptar os lugares que temos aos zapatos da xente. Temos que adaptar os zapatos da xente aos lugares que temos», dicía meses atrás o asturiano José Manuel Menéndez (1975). El encabeza Senda Nova, entidade sen ánimo de lucro que remonta a súa primeira semente ao 2001 e que, como colectivo, se forxou no 2006, sendo denominada dende o 2008, definitivamente, Asociación Ambiental Senda Nova, con sede en Carballo. Detrás hai un grupo colaborativo, con traballo arreo, case anónimo, que foi gañando presenza logo de partir dun tempo no que as actividades ambientais aínda non estaban moi estendidas. Hoxe son uns 70 socios. O deseño dos roteiros é minucioso, procurando lugares para camiñar, pero non só iso, senón tamén patrimonio natural, cultural e paisaxístico, procurando protección para todo el, sostibilidade, xerar coñecemento, dinamización. Os percorridos interpretativos son só unha parte. Onte, Menéndez atendía á chamada acabado de saír dun colexio.

-Que o leva aos centros?

-Estamos co programa Hai espías no bosque, subvencionado pola Deputación, e co que lle achegamos aos rapaces contidos sobre os mamíferos máis representativos do noso bosque. Este ano tamén volvemos solicitar a axuda. Fixemos material gráfico, do raposo e do porco teixo, e pouco a pouco iremos incorporando especies, aumentando o fondo e sumando máis centros.

-Tanto este proxecto como a Escola Ambiental Senda Nova acreditan que o futuro pasa polos nenos.

-Si, e de feito este programa sérvenos para involucrar aos rapaces coa Escola. Moitos dos vídeos que lles amosamos fanse nela. Este ano, no momento de facer a difusión nos centros, en outubro, estabamos nun momento sanitario complicado, éranos difícil ir a eles, pero despois deste paso polos colexios é previsible que se anote máis xente.

-Como arrincou a 12.ª edición da súa Primavera en Ruta? É un dos programas máis veteranos.

-Moi ben, como xa nos pasara no ciclo de outono. Agora, nas actividades ao aire libre a xente vólcase. Nesta última andaina quedaron máis de vinte persoas sen poder ir. Respectamos as restricións, os grupos de nove.

ANA GARCIA

-Xa ten dito que o de Senda Nova non é sendeirismo sen máis.

-Xa no 2006 coincidiamos en que o importante era a dinamización dos itinerarios, dos espazos que se percorren. Non importa tanto a infraestrutura, entendéndoa como sinalización ou botar zahorra nas sendas, senón crear actividade, crear o escenario para que a xente poida participar en iniciativas coordinadas e dirixidas, exercendo un control sobre elas e sobre como se realizan. O sendeirismo é unha ferramenta importante, claro, pero para ese noso sentir, mastigar esa información sobre patrimonio cultural, paisaxístico, ambiental... e darlla a coñecer á xente. Por iso as nosas rutas se dilatan no tempo, duran, e son accesibles á rapazada, que é un compromiso da asociación dende os estatutos. Dende o propio nome: Senda Nova.

-Que o anima a seguir logo de quince anos de tanta actividade?

-As forzas de ver nacer e medrar este proxecto. É algo que tes dentro. A xente que chega nova chega con forza e todo iso vai compensando se hai desgaste.

-Parece que a pandemia botou á xente á natureza. A pandemia deixará algo bo ambientalmente?

-O concepto de medio ambiente a xente acaba cercándoo en cousas moi básicas: non tirar papeis ao chan, andar na bici porque o relacionamos co ocio... Pero a pandemia está deixando un desastre a nivel ambiental, non hai outra forma de velo: cortouse vexetación autóctona, houbo agresións ao patrimonio megalítico, déronselle para adiante neste tempo a un montón de parques eólicos... Non falo da sensibilización ou da conduta da xente, senón que dende arriba se está aproveitando para desfacer todo. Agora, o rural está nunha encrucillada: eólicos, ríos... Está ben a reciclaxe na casa, a maior actividade no medio natural, pero eu falo doutro nivel ben diferente.

-Afectou o covid á entidade?

-Pouco, máis alá do difícil de organizar actividades neste contexto. As nosas andainas xa non eran de grupos grandes. O que pretendiamos eran cousas continuadas, pequenas, crear hábitos. Só nos obrigou o ano pasado a cambiar a Primavera en Ruta para o verán, e na Escola Ambiental houbo algo menos de nenos, pero os grandes proxectos están. Faltan cuestións puntuais, como a Escola de Inverno ou as Xornadas de Interpretación dos Bosques, pero naceron proxectos novos. Editamos dous números da revista Abrindo Camiño, seguimos tendo aberto o Espazo da Natureza de Oza para os apuntamentos...

-Chegou a Carballo con catorce anos. Aquí atopou o seu lugar.

-Si, e meu irmán con dez, mudámonos no contexto da reconversión mineira, a conca ía en declive. Miña nai é de A Agualada, pero levaba dende pequena en Asturias, xa se consideraba de alá. E meu pai é asturiano. Eu digo que tamén son de Asturias, pero que os que vivimos nun sitio, os que habitamos un lugar, temos unha responsabilidade con el. Eu téñoa e intento asumila, a nivel cultural, medioambiental...