«Con dezaseis anos xa sacaba fotos ás igrexas e facía maquetas en cartón»

paula vázquez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

José Manuel Menéndez dirixe a asociación ambiental Senda Nova de Carballo desde o 2006

18 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

José Manuel Menéndez Varela (Llaviana, Asturias, 1975) leva á fronte da Asociación Ambiental Senda Nova de Carballo de maneira vocacional desde que esta entidade botou a andar no ano 2006. O segredo para seguir sumando anos está «no esforzo que sempre hai que poñer ante as dificultades», di.

-Xa pasaron doce anos desde aquela. ¿Como recorda os inicios no cargo?

-Con moita ilusión por facer cousas novas. Tiñamos ganas de que as actividades ambientais e de coñecemento do contorno se establecesen na zona. Por iso, a nosa primeira premisa foi a de intentar facer ver que actividades como saír ao medio natural podían ser unha ferramenta moi boa para coñecer o noso ámbito natural, cultural e paisaxístico.

-¿De onde lle vén a súa afección pola natureza?

-É o meu principal hobby desde que era un cativo. Crieime en Asturias, onde viviamos no Alto Nalón, unha zona de elevado nivel ecolóxico. Naquela época, as actividades relacionadas co medio ambiente estaban máis establecidas aló que aquí. Cando vin para Galicia con catorce anos, recordo andar na bicicleta percorrendo as aldeas de todo Carballo, sacando fotos ás igrexas e facendo as maquetas en cartón. Era un dos entretementos que tiña daquela, e que non deixei de practicar. Para min sempre foi moi importante vincular o patrimonio cultural co ecolóxico.

-Non hai fin de semana no ano que non haxa actividades en Senda Nova. ¿É fácil compaxinar isto coa vida persoal?

-Non, trátase de deixar a un lado moitas cousas da túa vida. Póñoche un exemplo, agora mesmo entre o meu traballo e a asociación non teño unha fin de semana libre ata despois do San Xoán. O traballo asociativo leva detrás unha carga moi grande, sobre todo ás persoas que coma min estamos á fronte de todas esas accións e somos os encargados de tirar para adiante.

-¿E non se cansa?

-Recoñezo que ás veces si hai baixóns, principalmente cando ves que certo traballo non ten a repercusión que ti quixeras que tivese. Tamén por certas condutas que chegan do exterior da asociación cando non se entende o noso labor. Sempre é moito máis fácil tirar para atrás que sumar. Entón, ás veces é cansado, pero eu sempre insisto na dobre resposta de empeño, a base para poder seguir.

-Cada ano suman máis proxectos e actividades. ¿Cal é o segredo para que unha asociación ambiental como a súa siga medrando?

-O segredo está no esforzo que sempre hai que poñer ante as dificultades. É preciso ter as cousas claras, definidas e saber o camiño polo que queiras pasar, e crer sempre no que se fai. Por outro lado, tamén é preciso que o grupo sexa unha piña e que estea unido. É certo que son o presidente, pero xunto a min traballan moitas persoas. Así, unha cousa vai pedindo outra, e os proxectos van dando resultados. Para nós é básico que como asociación nos organicemos como sociedade, e poidamos colaborar así con outras entidades nun proxecto común.

-E despois de tanto tempo traballando nisto, ¿nota que a xente está máis concienciada co tema ambiental?

-Si, pero o concepto do ambiental e do ecolóxico cambia respecto dunhas persoas a outras. Moitas veces, ten máis repercusión que corten unha árbore ca que se destrúa un bosque enteiro. Se non o temos tan preto parece que non pasa nada. Tristemente vivimos moi lonxe de cousas que temos cerca, polo que o noso traballo é seguir dando a coñecer eses sitios.