Cita multitudinaria, dende logo, a Festa do Cocido de Sofán, en Carballo, con 640 persoas inscritas
07 mar 2026 . Actualizado a las 23:24 h.En menos dun mes será xa Semana Santa, pero aínda o entroido anda dando os seus últimos paseos e faino a xeito de cocidos e outras viandas. Máis de mil persoas, e non é tirar polo alto, reuníronse este sábado nunha ducia de citas gastronómicas programadas pola Costa da Morte adiante. Por multitudinaria cómpre mencionar a novena Festa do Cocido da AAVV de Sofán, a comisión de festas. Unhas 640 persoas, como cifraba o novo presidente, Brais Ramilo, eran as inscritas para o xantar no pavillón do colexio Gándara-Sofán. Así o dixo en Radio Voz, coas entradas máis que esgotadas, pero sí portas abertas para gozar pola tarde da música, cun cartel de DJ e outras formacións que xa quixeran algunhas festas máis grandes. Sumaron bombas de calor para que a xente estivese a gusto. Por certo, haberá boas celebracións en Sofán cando chegue o momento, iso xa está asegurado, mais polo momento non desvelan detalle.
Íntegro en Cabana, a asociación Fonte Sagrada en Santa Baia (Coristanco), ACD San Xulián en Malpica, Sailors no pavillón de Xermaña (Caión, A Laracha), Veciños de Meirama en Cerceda, a ACD Fonte da Virxe de Estramil (tamén na Laracha), a comisión de festas de Pasarela-Calo (Vimianzo) e O Son do Castro no restaurante Tío Paco das Travesas son outras das entidades que tamén impulsaron reunións veciñais este sábado. Algunhas, con disfraces... e ata con lectura de testamento!
Íntegro recuperou a súa tradición
Recuperando unha tradición que o covid minguara, a asociación Íntegro, con sede en Nantón (Cabana), celebrou este sábado no restaurante A Pedra o seu tradicional cocido, música incluída. Unhas cen persoas, e máis que terían sido de haber máis aforo. Á sesión vermú con La Fábula e ao tardeo sumaron o sorteo dunha cesta con produtos de entroido. Xuntarse, compartir unha cita inclusiva: velaí o fin, explicou Noelia Barreira, directora.
Vecindade reunida por Fonte Sagrada en Santa Baia
A asociación cultural Fonte Sagrada de Santa Baia de Castro (Coristanco) promoveu tamén este sábado a súa segunda Festa do Cocido. Vecindade baixo carpa no aparcamento da igrexa que non só gozou da gastronomía, senón tamén do sesión vermú e tardeo con Martín Carrión. Fonte Sagrada vai polos dous anos de traxectoria, tempo no que a entidade xa se viu ben activa.