En Kenia chamárona a Nai das Árbores. Tamén Muller Árbore. Wangari Maathai, unha desas mulleres coidadoras do común que defenden e sosteñen con brazos fortes cando todo treme, foi a primeira muller africana en recibir o Premio Nobel da Paz. A Nai das Árbores logrou plantar millóns de árbores con mulleres en África para combater a deforestación, non só loitando polo medio ambiente senón tamén polos dereitos humanos, a emancipación das mulleres, a non violencia e a democracia. A súa paz non era cómoda: era unha paz que esixía parar, escoitar, asumir a dor causada e tamén cambios. Foi unha paz construída dende abaixo, cos pés na terra. Wangari foi encarcerada e golpeada con brutalidade en máis dunha ocasión polo seu activismo ambiental e político, sendo liberada pola presión de Amnistía Internacional. Mais nunca estas condenas impediron que continuase a súa persistente e loable loita contra a deforestación e en prol da democracia e a paz.
No Día Escolar da Non Violencia e da Paz, cada 30 de xaneiro cómpre lembrar a aqueles grandes que loitaron por un mundo mellor. A propia Wangari sabía tamén o prioritario que é a educación dos nenos e con esta frase expresouno ben: «A educación, para que sexa útil, non debería separar ás persoas da terra, senón que debería ensinar a respectala». A educación debe ensinar a protexer o noso entorno natural. Ela ensinounos tamén que a paz chega cando alguén se atreve a dicir «non máis» e a súa lección segue viva: a paz non é un acordo entre poderosos, é un acto colectivo de coraxe. E, ás veces, ten nome de Nai.