Axenda | Cine, divulgación, teatro... Ten citas destacadas na comarca este 30 de xaneiro
30 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Ademais do comezo en Carballo do ciclo de cine Amal en Ruta, e ademais da presentación da nova coral Santa Marta, formada en Coristanco —ver aquí—, estas outras propostas para hoxe na Costa da Morte:
Vimianzo • Chegou un dos días máis agardados da programación invernal na Casa da Cultura. Hoxe, ás 20.30 horas, poderá verse na Casa da Cultura de Vimianzo a adaptación teatral de Memorias dun neno labrego, novela de Xosé Neira Vilas. É unha obra de Contraproducións e CDG que dirixe Cándido Pazó e que sobe ao escenario a Xulio Abonjo, no papel de Balbino, así como ao malpicán Santi Romay e a Manuel Cortés, Federico Pérez, Iris Darriba, Mónica García e Ana Santos. Memorias dun neno labrego é todo un símbolo do rural e da memoria colectiva desta comunidade. A función vén de arrasar en Santiago e hoxe, en Vimianzo, inicia a súa xira por outras localidades. Entradas en woutick.es —5 euros— ou ben dende as 19.30 na propia Casa da Cultura. «Que veñan, que lles vai prestar», convidaba Cándido Pazó hai uns días dende estas páxinas. Coa obra pasarán tamén por Carballo o 21 de febreiro.
Carballo • O colexio de Gándara-Sofán volve a sumarse á carreira solidaria de Save the Children. Quilómetros de solidariedade nesta cita escolar que o centro ten prevista para as 13.00 horas.
A Agualada (Coristanco) • Ás 18.00 horas, no local social de A Agualada, faladoiro en apoio ao rexeitamento veciñal á ubicación dunha antena de telefonía. Falará da contaminación electromagnética Xulio Carmona, da Plataforma Ecoloxistas en Acción. Charla de acceso libre.
Cee • Pechando a campaña de Nadal impulsada na praza de abastos de Cee, está previsto para hoxe o segundo dos sorteos, no propio mercado. O que se sortea son nada menos que 100 carros de compra e os gañadores daranse a coñecer a través das redes municipais e tamén na propia praza de abastos.