A presentación será este venres 30 de xaneiro, ás 20.00 horas, no local social á beira do Carrefour
29 ene 2026 . Actualizado a las 17:56 h.Presentación, este venres 30 de xaneiro, ás 20.00 horas • Vén de nacer en Coristanco unha nova coral. Leva por nome Santa Marta e a presentación será este venres ás 20.00 horas no centro social situado á beira do Carrefour. Polo momento son unhas vinte persoas, algunhas delas xa con experiencia no eido da polifonía, pois ata o momento integraban a coral Santa Cecilia. Terán como director ao mozo carballés Xairo Campos —22 anos—, con amplísima formación musical. Integrante do grupo Paracetafolk, Premio Martin Codax recentemente, entre outra facetas leva tamén unha coral en Mera (Oleiros) e integra a Federación Coral Galega, entidade que coordina 230 coros en toda Galicia, «loitando por facer rede», como explicou en Radio Voz o propio Campos. Precisamente, para combater unha perda de asociacionismo que se está a dar sobre todo no rural: «Nese contexto, é mellor nova aínda que naza unha entidade, como é o caso desta de Coristanco».
Dende a coral Santa Marta sinalan que tiveron todo o asesoramento do Concello para os trámites e agardan ir medrando pouco a pouco. «Todo o mundo pode cantar», di Xairo, que anima a veciños e xente da volta a acudir ao local social para coñecer o proxecto e para sumarse se así o consideran: «Hai que falar coa directiva e demais, pero estamos totalmente abertos». Os ensaios serán os venres pola tarde.