Plans de sábado á espera do máxico percorrido dos Reis pola Costa da Morte

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCÍA

A axenda deste 3 de xaneiro trae abondo con que entreterse na comarca: ¡bótalle un ollo! 

03 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Logo do paso de Papá Noel na noite do 24 ao 25 de decembro, outro dos momentos de maior ilusión de Nadal chegará co percorrido dos Reis Magos. Boa parte dos Concellos da Costa da Morte concentrarán as cabalgatas na xornada do luns 5 de xaneiro, se ben algúns outros, dada a extensión do municipio, promoven as visitas das Súas Maxestades tamén na velada do domingo 4. Con todo, para iso aínda faltan unhas cantas horas, e esa agarda ben pode ser máis agradable con todos estes plans programados para hoxe, sábado 3 de xaneiro:

Carballo • Cine de Nadal • A área de Cultura e Fstas suma á programación de Nadal a proposta de hoxe, que pasa por converter a carpa da Praza do Concello nunha gran sala de cinema. O acceso é de balde, se ben no exterior haberá un posto con flocos de millo, chuches e demais, petiscos que corren por conta do espectador. Pequenos e grandes teñen cita hoxe na capital de Bergantiños, pois as películas pasan por Superklaus, ás 18.00 horas, e por Los que se quedan, para maiores de 12 anos, ás 20.00. A primeira é unha comedia familiar de animación e aventuras e a segunda unha viaxe ao universo emocional dun profesor un pouco agre que acaba por descubrir a forza do vínculo que pode crear o Nadal. Cómpre lembrar que os horarios son aproximados, pois o primeiro pase dependerá da luz solar.

Muxía • Maxia • Nova parada do mago Teto na Costa da Morte. Logo de ter pasado por Carballo, hoxe chegará á vila da Barca con Rock’n Magic, cita para público familiar, ás 18.00 horas, no Salón do Voluntariado. É o Nadal Muxía.

Cee • Centro de ocio e tamén maxia • Ata o 6 de xaneiro funcionará no pavillón polideportivo de Cee o centro de ocio con inchables e tren navideño: de 11.00 a 13.00 e de 17.00 a 20.00. A maiores, o auditorio Baldomero Cores acollerá esta tarde, 18.00 horas, un show de maxia con Cayetano Lledó. O seu nome é coñecido polo mundo adiante, e o que trae é unha escolma de técnicas innovadoras mesturadas con xogos para gozar en familia. Entradas a 5 euros (3, con redución), e billeteira aberta dende as 17.00.

A Laracha • Contacontos para bebés • Logo de terse suspendido o espectáculo de maxia de onte por causa de forza maior, a cita de hoxe na Laracha será un contacontos para bebés: 17.00 horas, baixo da biblioteca municipal. Ata alí chegará a Asociación Barriga Verde con Cu-cú TasTás.

Malpica • Cita cunha actriz da casa, Teté DelgadoO programa de Nadal deseñado polo Concello malpicán contempla para hoxe dúas propostas. Unha, de 11.00 a 13.00 no centro cívico, un obradoiro de origami modular ou papiroflexia para o que cómpre estar anotado. A outra será ás 20.00 horas, no auditorio do centro cívico e para espectadores maiores de 16 anos. Trátase dunha comedia «retrofuturista», segundo divulgou o consistorio, que subirá ao escenario a Julio Pereira e a Teté Delgado, ben pode dicirse que unha veciña máis. O título da peza? Entre dos.

Vimianzo • Gastronomía, concerto e pista de patinaxe • O Recuncho Gastronómico da Praza do Concello de Vimianzo, baixo o iglú, funcionará hoxe de 12.00 a 00.00 horas. Será un día especial, tamén, polo concerto previsto neste espazo ás nove da noite: Irma Macías, vimiancesa, e Luís Pinto. Hai que engadirlle a todo isto a posibilidade de pasar un bo anaco patinando sobre xeo, pois a pista segue instalada nunha beira da Praza: 5 euros. Abre de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 23.00, co último pase ás 22.00 horas.