
Dos disfraces á Coresma | Para este sábado hai programados cando menos tres cocidos, dende Cances, Noicela e Lemaio
13 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Concursos, percorridos, obradoiros e demais xa acabaron por este entroido, mais o Carnal aínda non vai fóra de todo e, aínda así, xa empezan a chegar os primeiros sons da Semana Santa. Fano a través da Mostra do Encaixe, pero tamén da programación de Fisterra, coñecida nas últimas horas. Por tempo cronolóxico, cando menos tres citas de entroido para estes vindeiros días.
Terá moito simbolismo a cita programada en Cances (Carballo) para este sábado, en tanto que o entroido desta parroquia carballesa, aos mandos da asociación San Campio, cumpre 25 anos, os mesmos que acada a entidade. Ás 20.00 horas, no local social, haberá festival musical infantil e adulto, baile con Mar de Caión e tamén chocolatada, con agasallo para quen leve filloas, orellas ou outros postres caseiros.
Tamén este sábado, pero a mediodía, promoverá a comisión de festas de Noicela a súa segunda Festa do Cocido. Será no cámping Baldayo, con capacidade para 200 personas, das que xa teñen unhas 190. Se aínda estaba indeciso, aproveite que andan coas últimas inscricións. Os adultos han de aboar 35 euros e, os nenos, 15, con dereito a sopa, cocido, filloas, orellas, rosqueillas, bebida, café e chupito. A comisión xa anunciara o cocido na festa de decembro, e xa daquela había quen preguntaba por el: «É un día para xuntarse os veciños, pasalo ben, un motivo de alegría», explicaba onte Pablo Varela dende a comisión. Están contentos pola resposta da xente. Precisa que logo da comida terán baile co dúo Show e tamén sorteos ao longo da velada.
Tamén será o segundo Cocido Carnavaleiro o da comisión de festas de Lemaio (A Laracha), igualmente este sábado, con sesión vermú previa (13.30). Begoña García e outra actuación sorpresa amenizarán a tarde, todo baixo carpa climatizada, e engadíndolle hinchables e sorteos.
Xa se coñece, do outro lado, o programa ao detalle dunha das Semanas Santas con maior arraigo da Costa da Morte, a de Fisterra. Os días centrais irán do 17 ao 20 de abril, especialmente o Domingo de Resurrección, mais os actos comezarán xa o día 5 dese mes. A procesión da Nosa Señora das Dores será o venres 11, mentres que a peregrinación ao Santísimo Cristo está programada para o sábado 12. Neste caso é preciso anotarse, dirixíndose para iso a calquera membro da Xunta de Confrarías. A saída dende a parada de buses fisterrá está programada para as 16.00 horas; ás 16.30 dende a igrexa de San Xoán de Sardiñeiro. E haberá este ano actos e representacións de Semana Santa en Corme? Vía redes sociais convocouse xa para este venres 14 de marzo, mañá, unha reunión, «ante a posibilidade de que non se faga». Será ás 20.00 horas, no salón parroquial.