Dobre cita literaria e unhas cantas propostas máis para hoxe na Costa da Morte
CARBALLO

Axenda diaria | Así vén este venres 17 de xaneiro en Cee, Carballo, Coristanco ou Ponteceso
17 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Venres 17 de xaneiro e o ritmo da axenda na Costa da Morte intensifícase. Así vén o día:
Presentación literaria en Cee • Logo das festas de Nadal chegan ás primeiras citas culturais á vila da Xunqueira. Acolle esta tarde o auditorio da Casa da Cultura, ás 20.00 horas, a presentación do libro Balóns a Corveiro, historia e contrahistoria do fútbol fisterrán, de Gabriel Riveiro, Bebeto. Desfilarán por alí historia común, rivalidade e infinitas anécdotas do SD Fisterra e o UD Cee, dous dos clubs máis importantes do fútbol da Costa. Acompañarán a Bebeto un histórico xogador, Ángel Luís, e mais a alcaldesa, Margarita Lamela.
Poemario en Carballo • Cita na biblioteca Rego da Balsa, ás 19.30 horas. Alí, público xuvenil e adulto poderá coñecer máis ao detalle o poemario Aleteo, da autoría de Elisa Bentos-Pereyra Rey (@elisabentospereyra) en Instagram. É o seu primeiro libro, «luces e sombras, como a vida do ser humano que a porta, a atravesa e a percorre». «A imaxe do bater de ás dunha bolboreta sobre o sepulcro do pai foi o que inspirou o verso e o título desta obra, que a autora de orixe uruguaia», publicou o Concello. Acceso libre ata encher aforo.
Bendición de mascotas en Noicela • Na misa das 12.00 horas, con motivo da celebración de San Antón Abade, na parroquia de Noicela.
Doazón de sangue en Coristanco • Unha unidade móvil para a doazón de sangue visita hoxe a EFA Fonteboa de Coristanco. Estará situada diante do centro e prestará servizo de 10.00 a 14.00.
Exposición en Carballo • No terceiro andar do Pazo da Cultura —sala Alberto Gende—, pode verse ata o 1 de febreiro a exposición correspondente ao 18.º Premio de Arte Gráfica Jesús Núñez. Visitas de luns a sábado, entre as 16.00 e as 20.00 horas.
Apertura de prazo para concurso de coplas • Asociacións Monte Branco, Fundación e Casa da Muller, do Couto, Ponteceso, convocan unha nova edición do seu concurso de coplas de entroido. Este ano a persoa homenaxeada é Xelucho Abella. O prazo de presentación de propostas abre hoxe e chegará ata o 17 de febreiro.
Ideas transformadoras co GALP Costa Sostible • A el pertencen os Concellos de Cee, Fisterra, Dumbría ou Corcubión. Ás 19.00, no edificio do antigo Casino de Noia, presentación de apostas para desenvolver o territorio. Tarde de inspiración.
Campus de regueifa • Haberá representación da Escola de Regueifa de Carballo no primeiro Campus de Regueifa para público mozo que comeza hoxe no instituto Basanta Silva de Vilalba. Estenderase ata este domingo 19.