Michel Antelo: «Moitos de nós medramos como persoas a través do Asalto ao Castelo»

Marta López / Fran Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCÍA

A viva voz | Dedicado deportista e docente de profesión, o presidente da asociación Cherinkas vén de defender a súa tese de doutoramento

30 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Presidente da asociación Cherinkas, dedicado deportista, docente de Lingua Galega e doutor en Estudos Literarios, Luís Miguel Antelo Lema, Michel Antelo (Vimianzo, 1978) está inmerso estes días na organización do Asalto ao Castelo, a vixésimo sexta edición da recreación da revolta irmandiña en Vimianzo. Na súa vertente deportiva, ten xogado no Soneira e gañado unha edición do circuíto Correndo pola Costa da Morte. A crise identitaria no sistema teatral galego do século XXI: tensións entre o valor económico e o compromiso cunha identidade cultural é o título da tese que defendeu e que recibiu a máxima cualificación por parte do xurado.

—Leva tempo vinculado ao Asalto. Dende o principio?

—O certo é que non. Sumeime ao carro con isto xa en marcha. Foron os compañeiros de Axvalso os que o iniciaron no seu momento. Eu comecei colaborando puntualmente como podía, era un rapaz e fun medrando a través da festa. O Asalto é moito máis que un festival, pois moitos de nós desenvolvémonos como persoas a través del.

—Vostede é docente: esta recreación pode servir para dar unha boa clase de Historia.

—Non só de Historia. Eu creo que serve para moitas materias, pois organizar un festival como este é un proxecto multidisciplinar.

—Vén de defender unha tese de doutoramento sobre o uso da lingua no teatro galego.

—Así é. Quería reflexionar sobre a sociedade galega e elixín un aspecto en particular como é o teatro. A través desa manifestación artística, que á súa vez observa á propia vida, podemos ver certos aspectos que a min me parecen claves para entender Galicia. A lingua, como signo máis obxectivable, é un elemento de referencia para extraer conclusións, aínda que a base do teatro non só estea no signo lingüístico.

—Que foi o que estudou?

—Se ben nos palcos observamos compañías que non usan a lingua (mimo, teatro corporal...), si se pode estudar a política de comunicación dunha compañía, na que si ou si terán que empregar un idioma. Aí vense moitas incoherencias entre o que se ofrece nos escenarios e a vida real ou empresarial.

—E cal foi o diagnóstico?

—Pois que se ben hai unha serie de compañías cun compromiso moi forte (mesmo coa parte lusófona ou reintegracionista), outras están dentro do sistema teatral galego pero non se expresan coa lingua do país. É moi importante facer ver que a lingua galega abre portas.

—Elixiu esta temática pola súa vinculación co Asalto?

—O certo é que aínda a día de hoxe non o sei moi ben. Dubidaba coa poesía, pero por algunha razón mística decanteime polo teatro [ri]. Nesa linguaxe encriptada e misteriosa que nos ofrece a arte tamén se pode ver a verdade que hai na vida.

—De que parte da organización do Asalto se está encargando?

—Coordino boa parte do programa que temos ata o sábado á noite, as actividades diúrnas. E logo, na propia recreación, estou involucrado na parte teatral.

—Terá tempo para gozar da festa?

—Sempre se busca un oco. Algunha raiola de luz para gozar haberá, aínda que haxa preocupacións constantes [ri]. O importante é que veña bo tempo e se vexa alegría na xente, pois iso significará que o traballo está ben feito.

—Que considera imprescindible do programa?

—Depende dos gustos de cada quen! Hai actividades maioritarias e outras que non o son, hai teatro, música e gastronomía, hai citas para público infantil e adulto... O mellor é non escoller: que fagan todo e veñan a todo!

—Inaugurou a programación a Legua Irmandiña. Como afeccionado do atletismo, participou?

—Pois o certo é que non, estiven facendo de speaker. Dende que comezou a facerse, nunca puiden participar. Ademais, teño unha lesión que estou intentando curar. Participei nas primeiras probas de Correndo pola Costa e espero poder sumarme a algunha máis.

—Este circuíto tráelle recordos.

—Si, gañeino unha vez e vencín en varias probas individuais.

—Practica outros deportes, non si?

—Os que podo! Non tiven as oportunidades que teñen estas xeracións novas. Daquela era fútbol si ou si e non había clubs nin iniciativas moi consolidadas, pero intentei facer todo o que puiden.