Temos que atraer novas empresas para a comarca, con perfís diferentes
05 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Anos atrás comezamos co reto de desenvolver o parque empresarial de Lamas, contemplado no Plan Xeral de Ordenación Municipal. Posto que este polígono está recollido dentro dos parques empresariais de Galicia, fun falar coa Xunta por se tiñan a previsión de facelo eles. A resposta foi que non o tiña previsto. Entón pensamos en desenvolver nós a primeira fase do parque empresarial de Lamas, porque temos os cartos necesarios para facelo.
Dende o goberno sentimos a necesidade de que este parque debía de ofrecer algo máis, algo diferente, algo que transcendese ao noso Concello, algo que fose diferenciador que fose necesario e non existise na Costa da Morte.
Contratamos coa Universidade da Coruña un estudo para que con total liberdade nós dixeran cómo debería ser ese polígono. Concluíron que un parque científico e tecnolóxico, dos que só hai 52 en toda España e dous na nosa Comunidade, sería o acaído.
Analizouse a situación xeográfica, o perfil do tecido empresarial, a poboación, o tipo de empregos e outros aspectos que concluíron que na Costa da Morte era necesario e viable un parque así, como un factor de cambio fundamental na estrutura da economía da comarca. As tres características máis salientables que definen estes parques son: que manteñen relación formais e operativas coas universidades e centros de investigación, están deseñados para estimular a formación e a creación de empresas baseadas no coñecemento e outras organizacións de alto valor engadido, e teñen un organismo estable de xestión.
O elemento diferenciado e fundamental deste parque será que haberá un espazo físico (edificio) no que as empresas, terán laboratorios de apoio para actividades I+D e prestación de servizos tecnolóxicos para levar a cabo as súas investigacións, sendo ademais un lugar de encontro e transferencia de coñecementos entre equipos de investigación das empresas e das universidades.
Neste edificio haberá un espazo de traballo para todos aqueles emprendedores que o precisen. Haberá tamén un equipo de xestión do parque que se adicará a promocionalo, estimular o fluxo de tecnoloxía e coñecemento entre as empresas, organizar eventos, seminarios, etcétera. E todo co apoio de investigadores e profesionais da Universidade da Coruña, empresas e outros organismos públicos que se encargarán de dinamizar este centro.
¿Por que queremos afrontar un desafío desta envergadura dende un Concello pequeno? Estamos fartos de ter, ano tras ano, sesudos estudos que diagnostican os problemas da Costa da Morte. Perdemos poboación, temos empregos de pouca cualificación e baixa calidade. Pero, ano tras ano, seguimos facendo o mesmo, sen atrevernos a intentar solucións diferentes e innovadoras. Temos que atraer novas empresas, con perfís diferentes, que nos axuden a fixar poboación e crear empregos de calidade. A Costa da Morte ten que mirar o futuro, e este pasa pola especialización intelixente, pola investigación e a innovación.