A viva voz | Autora de «A crebeira Marabillas», achega este universo e a memoria de Barrera aos nenos. Do audiovisual, coa maternidade por medio, pasou á ilustración e a ser contadora de historias
14 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.
Contribuír a ser dun espazo é unha conxunción de palabras que deixou marca en Olaia Sendón (1978). «Penso que é fundamental enraizarse, e por iso tamén quería contarlle aos meus nenos, xerar raíces. A Costa da Morte é moi potente para iso, cunha paisaxe que case se explica por sí soa. Eu quería darlle vida a eses espazos», reflexiona. Olaia publicou a finais do 2021 A crebeira Marabillas (Xerais), un libro ilustrado que non concibiu para ser tal, pero que o acabou sendo.
«Andar ás crebas [procurar entre o que mar bota fóra] é algo que todos os de costa temos feito, ir mirando para o chan a ver que aparece», apunta. Seu pai, Manuel Sendón, mantén unha serie fotográfica sobre a materia. É unha afección compartida. Pero o significado que hoxe se lle dá a andar ás crebas pouco ten que ver coas motivacións de antano: «Levo tempo preguntando por cousas do pasado e as crebas de antes mesmo se vía como algo de vergoña, respondían a outra necesidade, e logo tamén está esa lenda negra que non é como se conta, pero na que hai parte de certo». Olaia, cun pequeno de tres anos, Aldán, e outro de cinco, Xandre, quixo trasladarlles, por exemplo, vivencias asociadas á praia fisterrá de Sardiñeiro, e aí sitúa ao emblemático crebeiro Manolo Barrera, presente na memoria da mocidade do seu tempo, e inspiración da obra publicada. Barrera afogaba sen o mar, conta Olaia: asociaba ser crebeiro a un sentimento, e ela non quixo deixar no esquecemento todo iso.
Profesora na Escola de Imaxe e Son da Coruña, movíase ata hai cousa dun tempo no audiovisual, nos documentais. A maternidade que todo o revoluciona, a esixencia dunha infraestrutura complexa que require o gravar, máis adiante o tempo de peche ligado á pandemia e, sobre todo, ese desexo de contarlles aos seus nenos, acabouna levando a debuxar e narrar: «Foi unha moi boa saída, unha válvula de escape para poder expresarme». «Fas cousas por instinto, eu estaba acostumada a contar doutro xeito, pero adaptei esas mesmas motivacións a eles, a un público diferente», expresa. Primeiro tíñao como algo «caseiro», que mesmo resumía cara fóra como «non estar facendo nada», mais foi cando comezou a «darlle prestixio», «a empezar a vivilo con ollos de creación», cando se decatou de que si facía algo, e que non era menos ca o que viña facendo e do que as circunstancias a arredaron: «Deime de conta de que estaba xerando universos, e que importante que foron os libros que lemos cando eramos nenos!», reflexiona.