Olaia Sendón: «Ter un fillo cámbiache a vida. Ter dous de menos de tres, pulverízaa»

Loreto Silvoso
loreto silvoso A CORUÑA / LA VOZ

ELLAS

ANGEL MANSO

Sen poder ir rodar, a realizadora aproveitou a maternidade para escribir contos

22 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Semella Olaia Sendón (Ourense, 1978) unha muller-orquestra que tanto dirixe documentais, como fai videocreacións e ilustra libros. Na casa, en cambio, fuxe da etiqueta de supernai que pode con todo. De feito, púxose a escribir contos infantís para sobrevivir á maternidade. «Sen poder ir rodar, sen poder cumprir as exixentes planificacións propias do cinema, houben de buscar unha vía de saída, unha creación de guerrilla», manifesta esta realizadora audiovisual reconvertida en contacontos.

-Foi a xeito de terapia?

-Eu tiña unha vida organizada e cun ritmo de traballo moi intenso. Embarazada de oito meses andaba choutando polas pedras para facer un documental. Pero esa vida que tiña implosionou. Con dous nenos pequenos é imposible saír de casa a rodar nada.

-Tanto lle cambiou a vida?

-Ter un fillo cámbiache a vida, pero ter dous bebés de menos de tres anos, pulverízaa. A miña vida transformouse de maneira tan radical que tiven que reinventarme con novas saídas.

-E así foi como xurdiu un novo tipo de creación na súa vida.

-Iso é. Eu son moi fan das sinerxías e atopei unha maneira de desafogar. Foi creación de supervivencia. No audiovisual os traballos están confluíndo constantemente.

-E de súpeto, renaceu coma contacontos.

-Primeiro comecei a gravar aos meus fillos e logo a contarlles contos, cousa que sempre fixemos moito na miña familia, incluso personalizando as historias. O noso país de nunca xamais era a Costa da Morte, por exemplo.

-E pasou de facer videoarte a ilustrar contos infantís.

-Víñenme moi arriba, si, e empecei a aprender a ilustrar. E na presentación do libro, vou cunhas marionetas que fixen eu. Fago o ridículo dunha maneira tan esaxerada... [Risas]

-Abofé que non soe ter espectadores tan mozos!

-É un subidón! Acostumada a dar clase na Escola de Imaxe e Son a postadolescentes case adultos, cos nenos síntome unha rock star! [Risas].

-Ten moito éxito cos rapaces.

-E que os nenos son xeniais. Eles non teñen o filtro da timidez, así que o feedback é sinxelo.