Xosé Pumar e a campá

Luis Giadás TERRA E XENTE

CARBALLO

28 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

No comezo, a campá foi o sinal. A campá marcaba os tempos dos labores agrícolas, dos rezos, das alegrías e das penas comunais. Para nós, os galegos, a campá era a medida de tódalas cousas (Pondal e Rosalía intuírono). Polo tanto, tamén somos campás que resoamos a penas un intre efémero, pero coa esperanza de ser, alomenos, intensos. Don Xosé Pumar Gándara ve a luz primeira no lugar do Palacio ou Quintán, en Buxán, a rentes dos «xentís e garridos carballos cerqueiros, que a beira do Dubra, están xemendo e bruando cos sopros do vento» (Bardo de Bergantiños).

O xugo da campá é o contrapeso de madeira ou de ferro, a súa raiceira invertida. A infancia de Don Xosé foi ese xugo, onde iranse forxando as súas dúas grandes paixóns, os dons da Natureza e da Ciencia. Así, por unha banda era un rapaz inocente gabeando por eses mesmos carballos cerqueiros, carrexando sacos de cereal ás aceñas de Pardal, de Neiro e á de Tarrío, ata a outra beira do río Chonia, levando as vacas a pacer á devesa, escoltado polo can Trono, volvendo a casa ao solpor. Pero tamén era un alumno entusiasmado na súa aprendizaxe de linguas clásicas.

A asa da campá terma rexamente dela para que non se arrede do xugo. Buxán, Bergantiños, Galicia son as asas que terman de don Xosé («Ser galeguista é ter espírito de amor á terra dun, e á xente, e tamén á vida e aos mortos»). A súa avoa de Anxeriz foi, con 94 anos, a asa que termou rexamente daquel neno para ensinarlle o galego máis puro.

O ombreiro da campá é a parte curva próxima á asa. Os ombreiros sobre os que afirmaría o seu coñecemento erudito e humano don Xosé serían varóns adornados de sabedoría e honestidade, herdeiros dos cregos ilustrados como Feijoo, Sarmiento, Cernadas ou Posse: José Pérez Rajuán, fundador da Schola Cantorum; Paulino Pedret Casado, xeneroso cos seus coñecementos e mestre gratuíto de don Xosé; Antonio López Ferreiro ou Ángel María Amor Ruibal.

O terzo da campá é o inicio superior da mesma. Para don Xosé, o terzo inicial da súa andadura sacerdotal foron as parroquias de Xavestre e Trazo.

O medio da campá é a súa parte máis ampla. Amplo tamén é o val da parroquia onde decorreron os seguintes 15 anos de ministerio: Vasta Vales, como o nome da folla bilingüe editada por don Xosé nos 70. Alí, no campanario esguío de San Xián de Bastavales, lanzal epicentro da comarca da Amaía, don Xosé redescubriu á cantora do Sar, Rosalía, descubríndollela así mesmo aos seus fregueses, quen coidaban que a poeta fora unha sorte de Ana Kiro das romarías dos seus avós. Non sei se don Xosé tocou moitas veces as campás de San Xián, pero, sen dar un só toque ao balón, conseguiu do agarimo dos parroquianos, que o campo de fútbol de Bastavales levase o seu nome. Admirador de Antonio López Ferreiro, don Xosé emprendería o infatigable labor de escribir noutros 11 tomos a historia da parroquia. O mesmo faría coas de Seavia e de Erbecedo -12 anos de servizo-, noutros 11 tomos das dúas freguesías, dous vizosos xenos do verxel de Bergantiños.

O pé da campá

O pé da campá é a súa plenitude, aberta cara ao exterior para expandir a súa máxima sonoridade. Para expandir o coñecemento e a visibilización na Natureza, Arte, Historia e saber popular desta bisbarra do Anllóns, don Xosé alentou a creación do Instituto de Estudos Bergantiñáns (IEB), desbrozando as roxas entranas da paisaxe real e vital das mulleres e homes deste curruncho da Costa da Morte. Don Xosé foi o primeiro presidente e segue a alentarnos co seu exemplo, para que non desmaiemos nos obxectivos e inquedanzas, lembrándonos unha das súas máximas latinas favoritas, que debemos ter como marca os membros do IEB e tódolos investigadores da bisbarra: «Se podemos facelo en calquera momento, pero ¿por que non agora? E senón é agora… Pero ¿por que en calquera momento?».

O labio e mailo borde da campá intensifican a mensaxe desta. Don Xosé é autor da música do Himno e da Foliada de Bastavales, con letra de Rosalía, e do Himno de Seavia, con letra propia. O badal é a lingua metálica que transmite a poesía dos sons, como don Xosé ausculta e descodifica as notas musicais que a Férveda de San Paio vai solfexando, dun chanzo de pedra ata outro, acougando ao final no colo da poza. O capítulo no que a describe, dentro da súa Viaxe polo corazón de Bergantiños, debería gravarse en pequenos monólitos, estrofa a estrofa, dende a capela do santo ata a fervenza, a xeito de viaxe iniciática e lírica para o camiñante que se anime a internarse por aquel dosel umbrío.

Don Xosé viaxou polo corazón de Bergantiños pero tamén o corazón dos bergantiñáns e dos amaianos están con el.