Xubilados

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

CARBALLO

21 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo de ver as imaxes dos xubilados fronte o Congreso dos Deputados, confrontándose coa policía coma se fosen estudantes de segundo de carreira, non puiden deixar de recordar a teimosía valente dos retirados de Barbanza e da Costa da Morte nas concentracións polas pensións dignas. Esta estampa de activistas con canas é tan nova no mundo das mobilizacións que colle a moita xente por sorpresa. Pero non se dicía que os xubilados eran acomodaticios, conservadores, votantes eternos do partido gobernante?

Un amigo catalán contábame que non se pode entender a capacidade organizativa do procés sen pensar na morea de xubilados con chea de tempo libre a disposición de Ómnium Cultural e a ANC. Xente que se dedicou a amasar cartos durante a vida laboral e que ceibou a espita da protesta ao recibir a primeira paga do retiro. Lembro unha rapaza que, ao crear unha asociación cultural, pedíalle aos ceos unha xubilada que entrase na directiva con azos de traballo.

Nos novos xubilados de hoxe en día xúntanse o aumento da esperanza de vida experimentado nas últimas décadas -que fai que a xente de 70 anos ande rufa case coma os de 30-, e que xa son xubilados dunha democracia. Saben os seus dereitos, non lle teñen medo nin aos políticos nin ás administracións e por riba están enganchados ao Facebook.

Cada vez escóitanse máis voces (demasiado) interesadas en retrasar a idade de xubilación e dan razóns económicas para iso. Pero non me estrañaría que, no fondo, o que lles preocupe é que a toma da Bastilla comece desde a cola do Imserso.