As inesperadas voltas que dá a vida

Ana Romero Masiá

CARBALLO

Basilio Bello

En primeira persoa | «Dela aprovéitome agora, cando admiro esas pequenas obras de arte que son os morteiros dos allos e cebolas, como cambian as cores das leiras segundo a época do ano», escribe Ana Romero Masiá 

06 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Aló polo ano 1970 cheguei a Barizo. Era de noite e a persoa que me contara tantas historias da súa querida aldea -e que acabaría por se converter no marido co quen compartín máis de corenta anos da miña vida- por acurtar a chegada á súa casa levoume por unhas corredoiras moi fermosas, que xa non existen, pero que a min, rapaza de cidade, me sorprenderon e desconcertaron por resultarme totalmente novas e descoñecidas.

Agora lémbroas con certa nostalxia polo prezo que ás veces hai que pagar polo progreso e as comodidades da vida actual. E así, da man de Xosé Manuel Pose Mesura, fun descubrindo un mundo de campo e mar, de tarefas agrícolas e de actividades mariñeiras que descoñecía e que nunca agradecerei bastante porque nada me axudou tanto a comprender, valorar e amar eses outros aspectos de Galicia que eu descoñecía.

E así, en conversas coas súas xentes descubrín tradicións, lendas, xogos populares, receitas medicinais e de cociña, enriquecín o meu vocabulario con innumerables palabras novas… todo un luxo para alguén que sempre vivira na cidade e para quen o contacto co mundo rural limitábase a saír de paseo polos arredores de Santiago.

Daquelas aprendizaxes aprovéitome conscientemente agora, desde a miña casa de Barizo, cando admiro esas pequenas obras de arte que son os morteiros dos allos e cebolas, como cambian as cores das leiras segundo a época do ano, o incesante traballo das persoas e das máquinas que manteñen viva esa pequena aldea na que se poden degustar exquisitos mariscos, gozar de praias de branca area, identificar castros no mar e na montaña, visitar unha igrexa de orixe medieval, ir en romaría ao santuario do Espírito Santo ou admirar un dos faros máis fermosos do mundo, o de Punta Nariga, un barco de pedra na Costa da Morte.

A nova etapa democrática que se iniciaba tras 1975 precisaba tamén de autonomía nos traballos arqueolóxicos e o Instituto de Estudos Galegos de Santiago foi o encargado de deseñar e levar á práctica un amplo plan de actividades que permitisen avanzar no coñecemento do noso pasado.

E así foi, nunha desas inesperadas voltas que dá a vida, precisamente por esa vinculación á zona, como aceptei facerme cargo, como membro dese Instituto, dos traballos de posta en valor do Castro de Borneiro. E alí, durante os veráns da década dos anos oitenta, tiven a gran fortuna de contar cun excelente grupo de estudantes e traballadores cos que fomos sacando á luz restos de construcións e interesantes materiais que ampliaron extraordinariamente o coñecemento sobre un dos xacementos arqueolóxicos castrexos máis interesantes da zona, convertido nun dos maiores atractivos culturais da Costa da Morte.

Para min, eses dez anos en Borneiro non só foron intensos e sumamente valiosos polo que me permitiron ampliar os meus coñecementos sobre a arqueoloxía e o mundo da cultura castrexa de Galicia, senón porque foron anos nos que tiven a grande oportunidade de coñecer en profundidade ás xentes desta marabillosa Costa da Morte, no seu vivir cotián, nas súas lendas e tradicións, gastronomía e festas, arelas e dificultades….

Son valores que, sempre que teño ocasión, trato de difundir porque xa me considero un máis deles, como unha filla adoptiva agradecida porque me permitisen entrar a formar parte dunha gran familia vinculada a unha terra e un mar especialmente fermosos que resulta imposible non amar e sentirse partícipe despois de coñecela.

Breves apuntes biográficos...

Doutora en Historia pola Universidade da Coruña, catedrática de Xeografía e Historia e directora do instituto Monte das Moas da Coruña. Entre outras publicacións: El hábitat castreño: Castro de Borneiro. A fábrica de tabacos da Palloza. Severino Chacón, líder sindical do mundo do tabaco. A Coruña liberal. María Barbeito, unha vida ao servizo da escola e dos escolares (1880-1970). Entre a protección e o control. As espontaneadas da Coruña e Ferrol. 1750-1800.