Dentro duns días empezaremos a falar de novo da morte e das mortes. O tema de Halloween xa parece que lle gañou definitivamente a partida ao Samaín (que conste que os que temos unha idade nunca soubemos nada nin dun nin doutro), e os días previos a novembro son todo un parque temático de cabazas, veliñas e frases feitas que non acabo de entender. Polo menos este ano as cabazas veñen boas, polo que vexo polas leiras. Ben: este ano vén bo todo, desde as patacas e as fabas ao millo, e as aveas están nacendo cunha forza que parecen centeo (o que non vén é a auga).
Por tanto, para moitos rapaces o que vai quedando da interpretación da morte é algo festivo, animado, case caricaturesco, unha maneira coma outra de facer actividades que non están de máis se non se descoidan outras cousas. E a realidade é que os rapaces viven alleos á morte. O outro día, nas fotos do afundimento da La Xana, ocorrido hai 26 anos, os rapaces aparecían ao lado dos cadaleitos rescatados con toda normalidade. Cos ollos de hoxe, iso é algo macabro, pero os ollos de hoxe tamén insisten en poñerlle corchos aos chans dos parques para non magoar nin a pel cando se cae, ou a sobreprotexer aos cativos ata cando van pola beirarrúa a dous metros de nós. Por suposto, a morte é un concepto alleo, alonxado. Xa non se nace con ela, e temo que cando toque afrontala na propia casa non estarán preparados. Ou non tanto como estabamos os de outra xeracións. A dor sempre existirá, pero a maneira de entendela é moi distinta. Ou simplemente de asumila. Estes mundos teñen moitas vantaxes, pero nas cousas da alma imos perdendo a partida.