Cheas

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Non lembro apenas referencias escritas sobre as cheas do inverno. A literatura galega, sobre todo a popular, tense ocupado moito dos cheas (non digamos dos cheíñas). Unha vez máis, o xénero feminino ten moita máis profundidade. Tampouco me emborrachei de tantos libros como para saber agora se Manuel María, cando escribía das ribeiras, describía as enchentes do inverno. Ou se a xente de aquí e de acolá de Cunqueiro tiña que saltar grandes pozas coa besta cando o Landro medraba. Eu que sei. Algún haberá. Lembro relatos de lobos, de Rolda, de aparecidos, de bosques que falan, de corvos que cantan, náufragos do mar, sereas... O normal do realismo máximo.

Pero non das cheas. Para min, un dos principais motores da imaxinación. Cada un é como é. Non todo o mundo nace en aldeas pequenas rodeadas de dous ríos e máis unha morea de fontes, algunhas á vista e outras, non. Lugares con catro pistas e tres delas cubertas sempre de auga cando chove forte. Mágoa tamén a cuarta, aínda que iso lle desgustaría abondo á maioría da xente, que non está para a poesía, pero o día que esa se cubra, o mundo acabarase, xa o dicía miña bisavoa: non por casualidade lle chamamos as Seixas, que sube se sube cara un monte no que todo é pedra branca a nada que rasques.

As cheas do inverno son agora o mellor, case o único, enlace directo coa infancia. O mar dos herbais. A auga que corre cara os regos facendo remuíños. As pedras que rebotan varias veces sobre esas pozas inmensas. As bicicletas cruzando as pontes, as pernas abertas para non mollarse, as inevitables caídas. Auga que é fonte de vida de eterna xuventude, ou iso cremos.