Contou Roberto Traba Velay no seu pregón das festas da Xunqueira algunhas verdades incuestionables. Xa non porque foran cousas que lle pasaron a el cando ía ás celebracións de Cee, senón porque a maioría dos que o escoitaban sentíanse identificados. ¿Como non? De Cee e de tantas partes. Especialmente os que, como el, non tiveron a sorte de ter a cara de Robert Redford.
¿Bailas? Non. ¿Bailas? Non. ¿Bailas? Non. ¿Bailas? Si. ¡Por fin! Si, Roberto, así eran as cousas daquela. Con 13, 14, mesmo 15 anos, xa non sei. Igual que hai variantes na fala, tamén as habería nos modos segundo a zona. A nosa era saír os chavales do grupiño de amigos-veciños-contemporáneos polo medio do campo de baile case facendo o tren, un detrás doutro, serpeantes, buscando as chavalas aló cerca do palco, que facían como que non vían que se achegaba a turba adolescente absolutamente atemorizada, pero vaia se a vían. Os máis guapos elixían ás máis guapas, así funciona o mundo dende que se partiu en dous a primeira célula, e os demais facíamos o que podíamos. Un momento particularmente humillante era que todos os do tren atopasen parella e quedases ti só mirando para o da orquestra, que che mandaba unha mirada cómplice, nada que ver coa dos compañeiros, con medias risas de vitoria e brazos nas cinturas que clamaban por unha vinganza no seguinte baile. Iso, se finalmente lograbas devolverlle a vida ás pernas que xa non sentías tras ese mal trago. A vida era dura e rara.