«A Costa da Morte é un universo»

M. R., P. B. M.

CARBALLO

PACO RODRÍGUEZ

Hoxe, ás 12.00, entregará parte da súa biblioteca ao Concello vimiancés

04 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O escritor Manuel Rivas (A Coruña, 1957) e a súa muller, Isabel López, acudirán hoxe á Biblioteca Municipal de Vimianzo para doar parte da súa biblioteca persoal. O acto está previsto para as 12.00 horas. Son uns mil volumes que durante a mañá de onte foron carretados dende a casa familiar que teñen en Urroa. «Botáronme máis dunha man para trasladalos», contou onte o autor, con moi bo humor, para Radio Voz Bergantiños. Poden escoitar a entrevista, ao completo, hoxe a partir das 11.10 horas. Nela, tamén o Rivas xornalista opina do momento actual, do tempo presente.

-Tivo que trasladar moito...

-É un comezo para min. Tiña comentado isto co alcalde Manuel Antelo e agora faise de xeito formal. É importante que os libros estean nun espazo cooperativo.

-Comecemos polo principio. Cóntenos o seu vencello con Vimianzo.

-Teño a sensación de que dalgún xeito nacín aquí, ou renacín. Penso que a xente é de onde quere ser, de onde se sinte identificada. Dende a primeira mocidade gustábame vir pola Costa da Morte, pola Terra de Soneira, Nemancos e Bergantiños. Pero o de ter casa aquí, fogar, con fume, foi polos finais dos oitenta. A miña muller veu de profesora para Vimianzo. Estivo bastante tempo como profesora no instituto, así que decidimos que, en vez de andar pola estrada, era mellor ter aquí casa. Primeiro vivimos en Calo, preto da república independente de Pasarela, e agora non estamos lonxe, nun lugar que ten a calidade de ter dous nomes: un día chámase Irroa e outro Urroa.

-¿Que significa para vostede Vimianzo e a comarca? Supoño que aquí terá escrito parte da súa obra...

-Moitísimo. Ten moito que ver. O ser humano ten a dobre condición de árbore e de ave, ademais de ser anfibios por aquí. Ten raíces e voa. Na escrita, na inspiración, no principio da realidade, sempre hai esas raíces, funcionan e alimentan. Non é algo que medite. Un escribe e logo dille adeus aos libros. Pero si, na poesía, nas novelas, en moito do xornalismo que fixen... Penso que o mellor xornalismo que fixen ten que ver con historias da Costa da Morte, que é un universo en si mesma. Ten esa condición do local-universal. Un ten a sensación de estar nun hábitat, dende o punto de vista natural e do humano, moi singular. Con moito feitizo e con pegada. Ao mesmo tempo, un sente que este lugar é unha metáfora do mundo, sen lindes, sen muros. Teño a sensación de que cando escribo unha historia aquí, éme máis doado interpretar o mundo.

-¿Custoulle moito seleccionar esta parte da súa biblioteca para doar á biblioteca de Vimianzo?

-É algo que fago con moito gusto. Temos que tratar de que aquilo que un posúe tamén sexa compartido. E que mellor xeito de facelo que, no caso dos libros, que están nunha biblioteca. Penso que eles estarán alí contentos, pero sendo sincero, si que me custou: detrás de cada libro hai algo... A intención da familia é que sexa un ben público e dediqueille o tempo que puiden. Hai unha diversidade como en calquera biblioteca, pero neste caso unha parte importante está pensada para a xente máis moza. Tamén hai exemplares de cada unha das obras que escribín, algún deles noutras linguas, traducidos. Ensaio, narrativa... Parte galega... Para min é un primeiro chanzo.

-¿Son os nenos e mozos a esperanza para conservar este idioma?

-Totalmente. Estamos nun intre delicado, de encrucillada, nun tempo de dilema. Para a natureza, pero tamén para a vida das palabras, das linguas. A mellor fraga, o mellor río, a mellor catedral que temos é unha lingua que naceu aquí e que non só nos pertence a nós, senón que temos unha obriga coa humanidade. Non hai tantas no mundo, as linguas son algo fráxil, material humano que non hai que tratar con criterios de valor de cambio, poñerlle un prezo. Só se conservan con rego, con agarimo, coa práctica. Un dos grandes valores da Costa da Morte é ver como o proceso de perda que se dá noutros lugares, aquí non. É algo que está vizoso.

-¿Que proxectos ten na cabeza? ¿En que anda traballando agora?

-Non son moito dun único camiño, non me gusta ir por unha estrada grande. Unha das cousas que admiro da nosa topografía é a variedade de camiños. Gústame ir por atallos e carreiros. Quero dicir que sempre ando percorrendo diversos proxectos e historias. Logo de As voces baixas publiquei un libro resultado dun traballo na India, con fins solidarios, para colaborar coa Fundación Vicente Ferrer [é o titulado Vicente Ferrer. Rumbo a las estrellas, con dificultades]. Agora traballo nunha novela e nun libro de poemas, ademais de na revista Luzes. Deixemos a cousa así [ri].

-Anime á xente a ler.

-É andar cara o descoñecido. Un abre un libro, pero un libro tamén pode abrilo a un. Se se produce ese encontro, é un namoramento, unha felicidade clandestina...

manuel rivas escritor e xornalista