A toponimia celta en Galicia

Xosé Pumar Gándara

CARBALLO

02 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Tiven a fortuna de asistir á presentación do libro de Fernando Cabeza Quiles e levo un satisfactorio recordo. Xosé Manuel Varela fixo unha síntese do percorrido intelectual de Cabeza Quiles e presentounos un resumo da obra que se ofrecía ós lectores. A boa exposición de Varela facilitou unha intervención breve e diáfana por parte de Fernando.

Xosé Manuel Varela está decote disposto para axudar. Pon o seu saber, a súa graza alí onde haxa unha causa en favor da cultura galega. Algún día haberá que considerar canto leva feito Xosé Manuel como mecenas e minerva de tantas publicacións.

Fernando, pola súa parte, dixo que el estaba a favor dos perdedores, mesmo dos palestinos de Gaza e dos celtas entre nós que foron asoballados polos romanos. Explicou moi ben o que quería dicir, pois os recentes historiadores de Galicia recean falar dos celtas, aluden á chamada «cultura castrexa». Un termo descoñecido ata agora. Varela e Cabeza falaron un galego preciso, fluído, porque dominan a lingua, sen ter que recorrer a verbas rebuscadas.

Empecei a ler estudos de Cabeza aló por 1980, cando publicaba en Comunicaciones Germánicas. Escribímonos en 1981.

Deixando aos historiadores castrexos vemos que os lingüistas presentan apartados con voces celtas. Así, Rivas Quintáns e J. J. Moralejo en obras recentes. Tamén a acreditada Enciclopedia Lingüística Hispánica (tomo I, páxina 359) aporta radicais de nomes celtas.

O Concello de Val do Dubra conserva un folio manuscrito no que don Paulino Pedret Casado expón que Dubra procede do celta Dubrón, que significa auga. O insigne polígrafo Amor Ruibal, en artigo no Diario de Galicia o 25-VII-1909, explica que Libredón procede dunha raíz celta, significando «aldea do castro».

Hai un artigo de Amor titulado La cruz esvástica no es celta. Importa ler as primeiras liñas deste profundo traballo de A. Ruibal. Din así: «Entre múltiples elementos de la cultura celta en Galicia que han resistido la influencia avasalladora de la cultura latina, cuéntase, por no pocos, la cruz esvástica...». Obsérvase o antecedente. Había, di Amor, unha cultura celta, asoballadora de Galicia. Concluía o largo artigo afirmando que tal cruz é protoibérica, polo tanto, precelta e prearia.

Este estudo de Amor aparece na obra de Gómez Ledo Amor Ruibal o la sabiduría con sencillez (Madrid, 1939). Pode lerse no apéndice 7º, páxina 329 e seguintes. Gómez Ledo non di o medio no que foi publicado este traballo, nin a data do mesmo. Teño matinado para min sobre isto. Amor fina no mes de san Martiño do 1930. Xurdían por Europa movementos de extrema dereita, ditatoriais, que levaban como distintivo a cruz esvástica. Penso que Amor quere deslexitimar esas tendencias, rescatar a cruz gamada, que se impoñía como símbolo racista.

Volvo a descrición que Otero Pedrayo fai na súa Guía de Galicia sobre os costumes celtas. Eran os do noso rural ata o século XX. Tiña que ser Bergantiños, a terra onde Pondal albiscou tantos persoeiros celtas, o escenario do libro de Cabeza Quiles. Polo tanto, mantemos só a gaita galega como signo de comuñón con pobos da vertente atlántica de Europa. Temos, si, os fundamentos da fala e da cultura celta, na toponimia que nos descubre Cabeza. Seguiremos, como ata agora, adictos ao seu maxisterio.