As mans dela

CARBALLO

Osábado será o Día Internacional da Muller Traballadora. Moitos non somos dados a celebrar esas efemérides, pero tampouco pasa nada: ¿Non o facemos con outras? Ademais, depende do como, do por quen. Se serve para pensar un anaquiño nesa muller que tanto fixo e á que tanto lle debemos, ben empregada está a xornada.

A miña homenaxe irá para as mans dunha, xa maior, que son as tamén as de milleiros de mulleres do agro galego e da Costa da Morte. Que traballaron e traballan toda a vida recibindo moi pouco.

Mans que peiteaban ao rapaz e lle sacaban piollos e lendias cando ía á escola, sen que ela puidese facer unha permanente ata ben máis aló dos sesenta. Mans que debullaron millo no cribo, peneiraron fariña na peneira, gardárona na artesa. Mans que debullaron espigas de millo, mallaron herba e fabas e trigo na eira, e limpaban o gran aproveitando o ventiño liso que chegaba sen saber de onde, detectado como un radar, e daquela aparecía a imaxe dun cometa, co trigo caendo e a nube de polvo, detrás.

Estas mans aloumiñaron vacas, chamáronas á corda, faláronlles coa vara. Tiraron dos cuchos na corte, cando parían. ¡Tamén tiraron do neto! Gardaron o sangue do porco, nas matanzas. Lavaron as tripas no rego, fixeron chourizos e morcillas, e as últimas filloas co moado de verdade, na lareira afumada de arume. Petaron ben veces coa macheta no cepo para abrir os polos, cos gatos axexando. Lavaron a roupa na pedra do río, puxérona no herbal ao clareo. Cargaron mato, leña, rozaron, apañaron nabos e nabizas. E ruda para cocer e sanar. Encheron baldes con auga fervendo e nunca esas mans escaldaron. Secaron as bágoas cando se lle foron indo os seres queridos, ou emigrando. Agarraron sempre o mesmo bolso, humilde, pequeno, levado a un enterro, unha festa, a feira de Baio, o médico.... Cociñaron, coseron, remendaron, limparon. Nunca houbo luxos, só luxarse. O da tranquilidade, se cadra.

Asíque feliz día.