Dun tempo a esta parte, son moitos os que falan de volver. Regresar ao de antes, darlle marcha atrás ao tempo e quedar co puro, co propio, co que non está contaminado ou cando menos influído. Tres bos cociñeiros da Costa da Morte dicían non hai moito que se quixo evolucionar tanto diante das tixolas e das potas que eran moitos os que sabían facer maxia e escumas de cores, pero en cambio tiñan certas complicacións para compoñer unhas lentellas desas que calquera avoa pon na mesa un día de semana. ¡Resulta que, sen sabelo, o que tiñamos antes é o que queremos agora! A cousa vai máis alá do vintage.
Outro exemplo ben pode ser a cultura. Neste campo o fenómeno non é tan recente, pero hai un grupo de asociacións culturais na Costa da Morte que dedican boa parte dos seus folgos -no escaso tempo que un ten nesta vida moderna- a investigar e tirar da memoria dos maiores para recuperar cantos e bailes que eran nosos e non doutros. Non se cansan de dicilo aqueles que xeralmente veñen de fóra: a comarca é rica e única, tamén en agochos.
Incluso volven os nenos de Carballo. Iso de ir andando ao colexio (o Pedibús) seguramente non é nada novo, porque o mero feito de camiñar non o é, pero evolucionouse tanto (non necesariamente para ben) que o habitual hoxe en día é deixalos (auto)mobilizados na porta de todo. Polo menos os que poden. Para que os rapaces non se mollen, non se cansen nin leven pequenos golpes, que en realidade é o que teñen que facer.
Aínda así, ás veces o que máis medo dá non é o feito, senón a palabra. Contaba onte un responsable dos Camiños escolares que os nenos van sós, pero que en realidade non van tal: «Acompáñaos toda a cidade». Non por iso deixa de impoñer aquilo da soidade, mais hai que afrontalo. De nena, miña avoa non me deixaba subir ao alto do alpendre (cabanote) porque dicía que había faldrecos. Nunca o souben, pero penso que se refería ás teas de araña. Aos bichos non lle tiña medo, pero á palabra... Malia todo, de cando en vez cómpre volver, lembrar de onde se vén.