Os afeccionados ás dúas rodas teñen o domingo unha cita con algunhas das paisaxes máis fermosas de Malpica
17 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Os afeccionados ás dúas rodas e aos pedais teñen unha cita o vindeiro domingo en Malpica. Volve o Día da Bicicleta, organizado por La Voz de Galicia e Radio Voz Bergantiños, co obxectivo de que todos os participantes pasen unha xornada de ocio e deporte. Un día inesquecible e ameno, segundo explicou o técnico de Deportes do Concello malpicán, Pablo Lista Suárez, quen recordou que será un percorrido «apto para todas as idades». A cita, para as 10.30 horas, no centro sociocultural de Barizo.
-¿Por que elixiron Barizo?
-Dende hai cinco anos intentamos que a saída sexa dende un lugar diferente en cada edición e que sexa apto para todas as idades, por iso fixemos un percorrido moi livián e suaviño e haberá un descanso na área recreativa do río de Vaa, onde os participantes poderán gozar das vistas. É un percorrido moi doado de facer.
-¿Que é o máis destacado do percorrido deste ano?
-As vistas e a tranquilidade que suporá para os ciclistas, porque circularán por lugares polos que apenas hai tráfico e está apartado das estradas principais. Iso fai que sexa un percorrido moi adecuado para os cativos. Ademais haberá un amplo dispositivo de seguridade.
-Unha xornada apta para toda a familia.
-Efectivamente, é un día lúdico, recreativo, de paseo, de ir tranquilo, gozando da paixase... Unha xornada para toda a familia e para todas as idades.
-¿Haberá algunha novidade este ano ademais do percorrido?
-Dende o Concello de Malpica sempre temos preparado un agasallo para o participante máis novo e para o de máis idade, pero este ano, ademais tamén teremos un regalo para o ciclista máis orixinal.