Un dos que mellor cantaba

Xosé M. Muñiz

CARBALLO

03 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Cantar, hai moita xente que canta, pero o sal da vida consiste en cantar ben. Digo cantar como podería dicir vivir ou facer calquera outra cousa bonita da que somos capaces de facer os homes. Iso era o mellor acerto da vida do Canario. Cantar ben.

Juan Domínguez cantaba coma os anxos e a súa música consistía nas harmonías que trazou coas ondas da súa Costa da Morte. Él desde Fisterra, como antes fixera o seu predecesor na Confraría, Manuel Buján, e como sempre fixo desde Muxía Carlos Barrientos, por citar só algunhas persoas ás que AETINAPE e o conxunto do sector marítimo-pesqueiro tanto ten que agradecer.

O cariño que O Canario expresaba sempre cara a todo o que facía, coa súa proverbial extroversión e o seu espíritu afable e cariñoso, tan popular en toda a comarca e no sector pesqueiro, foino convertindo nun interlocutor imprescindible para toda a xente do mar.

As miñas lembranzas, na hora do seu pasamento, leváronme aos anos de reivindicación do Dispositivo de Separación do Tráfico Marítimo de Fisterra e das tarefas de Salvamento Marítimo, uns procesos moi especiais nos que traballamos xuntos, pero nen moito menos os únicos que tiña na súa axenda don Juan Domínguez.

Compráceme moito publicar esta pequena testemuña no óbito deste grande pescador que fixo da súa vida unha continua defensa do sector, dos seus compañeiros e da súa profesión. E iso é cantar. Cantar moi ben na desafinada sinfonía pesqueira deste país.

CO Outono Pondaliano, que onte comezou en O Couto, non é a única festa literaria da pequena aldea de Ponteceso, xa que todos os anos celebran tamén as Festiletras, na que nunca falta a feira de artesanía, como a desta imaxe de 1993. j. m. casal