«A homenaxe ao brigadier será un gran acontecemento»

á. palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Manuel Varela Limia, militar do século XIX, terá desde mañá a súa propia rúa

09 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Malpica vestirase mañá sábado de gala para honrar a un dos seus veciños máis ilustres, pero que co paso do tempo fora quedando no esquecemento. O alcalde, Eduardo Parga, anima a todos os veciños a sumarse a uns actos, realzados pola presenza do Exército, cos que o Concello tratará de saldar a súa débeda co brigadier Manuel Varela Limia, un destacado militar e político nacido na vila en 1796 que desempeñou importantes cargos no Exército e no Goberno de Isabel II.

-¿Por que está homenaxe?

-É recoñecer a un ilustre veciño do noso pobo que no seu tempo aportou algo a España. É un fillo ilustre de Malpica que estaba un pouco esquecido e que merecía ser recuperado. Ao non darlle o recoñecemento a xente acabou por esquecelo e aínda que está nos libros de historia, creo que a maioría da poboación, especialmente os novos, non saben que era de Malpica.

-¿Cos actos programados para o sábado quedará suficientemente reparada esta eiva?

-Eu creo que si, porque ademais de darlle o seu nome a unha rúa haberá unha conferencia do tenente coronel Jorge Vidal Vázquez na que poderemos saber moitos detalles da súa vida e da importancia que tivo.

-¿Hai algún outro malpicán pendente aínda dun recoñecemento coma o que se lle vai tributar ao brigadier?

-Supoño que algún haberá, pero habería que mirar na historia.

-¿Como xurdiu a idea de facer esta homenaxe?

-Foi ao pouco de chegar ao goberno. Representantes do Exército viñeron falar con nós porque estaban preparando os actos do centenario da Academia de Enxeñeiros do Exército e querían saber se estabamos interesados en participar. Non o dubidamos nin un momento.

-¿Que queda hoxe en día de Malpica dos tempos de Varela Limia?

-Quedan os restos do antigo pazo da súa familia, que está, precisamente, xunto á rúa que vai levar o seu nome.

-¿Que supón esta homenaxe para a localidade?

-Será un gran acontecemento e supón tamén un gran esforzo por parte do Exército, así que esperemos que o tempo acompañe e participen moitos veciños.

eduardo parga alcalde de malpica