«Ultimamente temos menos accidentes»

V. Insua

CARBALLO

Considera que o aumento da presenza da Xefatura de Tráfico e a mellora das carreteiras foi decisivo

03 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Germán Oreiro Albarellos (Vimianzo, 1957) é capataz da brigada de mantemento das estradas da Costa da Morte que pertencen á Xunta de Galicia. Oreiro leva sete anos no seu posto e a empresa que ten actualmente a concesión é Ute Conservación Coruña Sur.

-¿Que carreteiras leva a súa brigada?

-A nosa leva as autonómicas da zona da Costa da Morte. Pillamos dende Carballo ata Ponte Nafonso en Noia, pasando por Malpica, Fisterra ou Negreira, entre outros concellos. A nosa empresa tamén leva a zona que comprende dende Santiago ata os lindes de Pontevedra, pero alí traballa outra cuadrilla.

-¿Que tipo de traballos realizan?

-Realizamos traballos de todo tipo. Tanto colocamos novos sinais ou lle cortamos a maleza ó redor, como preparamos as áreas recreativas, desbrozamos... Pero non todo o facemos nós, xa que contratamos a outras empresas para que pinten a calzada, por exemplo.

-¿Cantas persoas sodes?

-Para empezar, traballamos os 365 días do ano as 24 horas do día, xa que sempre hai dúas persoas de retén polo que poida pasar. Ademais deses dous obreiros, hai outros dez que traballamos na brigada normal. Dous de nós adícanse unicamente a pasar polas estradas para ver se todo está en orde. Ó día seguinte entregan os partes de vixilancia, onde aparecen as anomalías.

-¿Durante cantas horas conducen?

-Nove horas de luns a xoves e catro os venres. O que ocorre este último día da semana é que ó mellor temos un parte de catro sinais rotas, e cando as imos poñer o luns xa fan falta vinte porque houbo varios accidentes.

-¿Hai moitos?

-Ultimamente menos, aínda que os medios din que si. Eu creo que se dan máis nas estradas que pertencen á Deputación. Cando eu comecei, fai sete anos, había entre cinco e sete tódalas semanas. Acórdome de que nunha curva na que había moitos na AC-552, en Bustelo, chegaron a chocar ata tres coches o mesmo día. Os dous últimos chocaron tamén contra nós. Algo parecido ocorría no Carrizal ou no Repenín. En cambio, agora hai semanas nas que non temos ningún caso.

-¿A que cre que se debe este descenso?

-Neses casos concretos á aplicación de eslurry, que é un antideslizante para o firme que está agretado.

-¿E en xeral?

-A presión exercida pola Xefatura de Tráfico fixo que descenderan moito. Por iso quizais haxa máis nas da Deputación, xa que son máis estreitas e ademais os Gardas Civís non se poñen nelas para facer controis. Iso nótase, sobre todo a fin de semana, que vai todo o mundo por alí despois de saír. Aparte diso, as estradas están moito mellor, algo que ó principio fixo que se correse máis; pero agora co carné por puntos xa non é así, porque tamén melloraron, digamos, para o radar.