As numerosas celebracións coas que conta a Costa da Morte permiten ir a comer de lugar en lugar sen aboar moito diñeiro
22 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Nestes momentos nos que seica estamos de crise, económica claro, non hai nada como botar man da organización. Co bolsillo e coas festas, que estamos en etapa de verán e tamén hai que pasalo ben. Ao mal tempo boa cara, dirían os máis vellos. E, colléndolles a palabra, comezamos o experimento nunha fin de semana.
O venres, en Camariñas. Sobre as seis da tarde, e sen un céntimo no peto, eran ben posible gozar dunha grande sardiñada, gratuitamente, acompañada da correspondente bebida. Quedan avisados para o ano que vén, porque xa hai moitos que coñecen a táctica: nesta edición foron uns 3.000 os comensais.
Pero, ollo, tampouco vai ser todo de balde. E que ben o sabían os que o sábado pola mañá, madrugadores, se achegaron ata o monte Faro na procura das bestas para a rapa vimiancesa. Había recompensa, por suposto. Frutuoso Mouzo tiña, para os traballadores cabaleiros, as súas potas de callos ben feitos. De novo, gratis e a fartar. Mesmo chegaba aparecer por alí para ser convidado. E de noite, máis. Chourizos ao viño para todo aquel que se achegase ata o Campo de Areosa. Se quedaban con fame, cousa case imposible, sempre estaría a Ponte do Porto. A xente comezou a chegar sobre as sete da tarde. Cinco euros era a cantidade que había que aboar por un prato e unha cunca de barro que logo se rechearían tódalas veces que un quixera a base dun caldo de riola que, saudable e con fundamento, fixo as delicias dos máis de 2.500 asistentes, de paso que lles axudou a combater o frío.
De momento, xa na noite do sábado, un tiña o estómago cheo a base de sardiñas, callos, chourizos e caldo, todo produto da terra e, unicamente, pagando 5 euros. A peripecia non remata aí. O domingo, máis e mellor.