Un Domingo de Ramos entre a devoción e a diversión

L.?G.

CARBALLO

Os concellos e as parroquias teñen previsto levar a cabo actividades para os veciños de todas as idades

16 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Quen este ano teña que quedar na casa durante as vacacións de Semana Santa non terá tempo a aburrirse. As parroquias e os concellos da Costa da Morte teñen a solución. Para iso, deseñaron programas culturais e relixiosos de todos os gustos e cores.

As celebración do Domingo de Ramos coparán todo o protagonismo no día de hoxe. Pero non serán as únicas actividades que se leven a cabo. Así, o local social da parroquia cabanesa de Rioboo converterase esta tarde nunha auténtica festa. Alí, presentarase unha nova ruta de sendeirismo que estará acompañada da proxección dunha filme. As pandereteiras de Ardebullo porán o son e o dúo cómico Os Dous de Sempre espertarán o sorriso dos participantes neste acto. En O Couto, a Universidade Rural Eliseo de Mato aproveitará o parón destes días para celebrar unha das primeiras actividades da entidade. Mañá dará comezo, a partir das 15.30 horas, un curso para emprendedores.

En Baio, os máis pequenos poderán participar nuns obradoiros de Pascua, de 11.00 a 13.00, no polideportivo e os cativos de Zas farano no centro sociocultural, entre as 16.00 e as 18.00 horas. Xa pola noite haberá sesións de cine para todas as idades.

¡Os rapaces de Ponteceso estarán mañá de celebración. ¿O motivo? O Concello organizou varias actividades para conmemorar o Día do Mar. Os nenos que desexen participar deberán estar ás 17.00 horas na aula municipal de informática con ganas de pasalo ben. Os amantes do patrimonio están tamén de sorte pois a Deputación da Coruña organizou un servizo especial de visitas ao dolmen de Dombate. O horario de atención ao público durante estes días será de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. Tamén se habilitou un teléfono de atención ao usuario, para concertar as visitas. (678 471 135).

Sen dúbida algunha, as procesións serán o centro da Semana Santa da Costa da Morte que terá Fisterra como principal protagonista. Así, está previsto que hoxe, despois da bendición dos ramos na capela do Bo Suceso, saia a procesión ata a igrexa de Santa María das Areas, onde se oficiará a eucaristía.

En Carballo, onte foi un día especial. Ás 20.00 horas celebrouse o pregón que abre os actos que se van celebrar nesta parroquia. «A resurrección ten que ser o centro dos cristiáns e o noso labor debe ser a de axudar a baixar da cruz a todos os crucificados que viven hoxe en día no noso mundo», apuntou Diego Ríos Noya, cura xubilado de Sofán. O sacerdote invitou aos fregueses a vivir a Semana Santa con vocación de cristiáns. «Estes días temos a obriga de revivir aqueles acontecementos máis importantes da vida do noso señor Xesucristo», asegurou.