A Asociación de Profesionais do Sector Turístico da Costa da Morte (APTCM), celebrará o vindeiro luns a súa asemblea anual (17.00 horas, local social de Corcubión), á que están chamados os seus 130 socios de Bergantiños, Soneira e Fisterra, e máis algún de Carnota, Mazaricos e Outes. Será o inicio da campaña e a preparación dun ano moi intenso.
Un temas a analizar, ademais, moi chamativo. As plataformas de Merexo e Seiruga expoñerán a súa opinión sobre como pode afectar o plano acuícola de Pesca ao turismo. Cada representante falará durante cinco minutos, e logo os socios decidirán se adoptan unha posición.
Outra das cuestións trata sobre o proxecto de acordo coa Asociación de Hostelería de Santiago, que permitirá a adquisición de ordenadores con programa por 300 euros, ademais de dous novos cursos de formación para os que xa é posible realizar a preinscripción no teléfono 981 706 163 ou no correo infor@aptcm.es. Son os de atención ao cliente e calidade de servizo en xeral e máis o de xestión de hoteles e outros establecementos, segundo o falado polo presidente de APTC, Manuel Pan, con responsables da asociación compostelana. «Esta firme aposta pola formación continua vén acompañada da intención de unificar esforzos e firmar un acordo de colaboración para que a Costa da Morte poida estar presente no punto de información turística que Hostalería de Santiago xestiona no aeroporto de Lavacolla, e a maiores, estase a barallar a idea de que os membros da asociación teñan acceso a un ordenador TPV con programas de xestión, impresora de tíckets e pedidos en liña, froito dun acordo co Igape», sinala Pan nun comunicado.
Dende APTCM, ademais, explican que amplían os seus servizos, ofrecendo a posibilidade, no caso dos servizos de restauración, de traducir as cartas de menú ao inglés, francés ou alemán. «Preténdese, deste xeito, optimizar un servizo dirixido cada vez máis a un público máis amplo e diverso», engaden.
A asociación de profesionais repasa ademais algunha das súas últimas actuacións, como a participación, grazas ao patrocinio da Consellería de Pesca, na feira De Gusto 2008, celebrada en Madrid recentemente, unha actividade coa que se deron a coñecer produtos da Costa da Morte preparados por cociñeiros de prestixio.
Pan tamén estivo en Fitur, en Madrid, onde participou no acto dedicado a Fisterra, como Patrimonio Europeo.
A reunión dos socios de APTC celebrarase xusto un día antes que a dos concellos da zona, citados o martes en Vimianzo para tratar sobre o consorcio.