A Costa da Morte non se sabe onde comeza nin onde acaba nin cando empezou a chamárselle así. Juan Campos Náufragos de antano. Los grandes naufragios en la Costa de la Muerte en el siglo XIX (2002), sinala que o topónimo non aparece na prensa galega do século XIX e que a referencia máis antiga que encontrou é un artigo de Domingo Villar Grangel en El Correo de Galicia de Buenos Aires, o 27-9-1908: «...la costa de la muerte entre Corrubedo y Ortegal (hay quien limita esta costa entre Corrubedo y el cabo Prior, y quien lo reduce aun más, entre el cabo Touriñana y el monte Beo, que forma el cabo de San Adrián)...».
Poemas manuscritos
Eduardo Pondal, morto en 1917, coñece e utiliza o topónimo nalgúns poemas manuscritos. O poema 88 (edición de Manuel Ferreiro, 2002) titúlase precisamente A Costa da Morte . O poema 93 repite o topónimo. Os poemas 86 e 87 son fabulacións poéticas sobre o tema. O primeiro verso do poema 86 delimita o sector de litoral que sirve de inspiración ao poeta: «De Traba ao Villano», sector no que entre 1890 e 1904 naufragaron dezaseis buques, tres deles en xaneiro e febreiro de 1904. Por outra banda, os poemas 93, 86 e 87 recollen os microtopónimos marítimos os baixos de Camelle, cabo Tosto, Baleas de Tosto, sirtes de Trece, Bois de Trece, baixos de Arou, o cabo Tosto, que remata en punta Boi, por vendaval da praia de Trece.
Examinando a bibliografía dos naufraxios, e singularmente o emblemático libro Costa de la Muerte (1980), de José Baña Heim, podemos buscar a correspondencia entre os microtopónimos citados por Pondal e o naufraxio de buques neses mesmos lugares na madurez de Pondal. Nos baixos do porto de Camelle, os ingleses Saint Weller o 28-8-1998 (salvaron os 18 tripulantes), e Yeoman o 10-2-1904 (4 afogados). Na punta Boi de cabo Tosto o inglés Serpent o 10-11-1890; de 176 tripulantes morreron 173, dos que se recuperaron do mar 142 corpos. Na mesma punta Boi varara o Iris o 6-11-1883, dos 29 ou 37 tripulantes salvou un. No baixo de Lucín, entre as Baleas de Tosto e a restinga de punta Boi, o escocés Tinacria o 7-2-1893, de 37 tripulantes e 4 misioneiras metodistas salvaron 7 homes. Nos baixos de entrada de Arou o escocés City of Agra o 3-2-1897; de 71 tripulantes salvaron 41, 29 destes na lancha de Manuel Sánchez Carril, de Camelle, quen con tres compañeiros botáronlle máis que valor para rescatalos de entre as rompentes.
A tenor dos microtopónimos dos poemas pondalianos, parece que tales poemas se inspiraron nos anteditos naufraxios. De ser así, habería que situar a súa composición con posterioridade a febreiro de 1904, e a utilización do topónimo Costa da Morte por parte de Pondal indica que nesa data o topónimo xa estaba en circulación.
A partir de aí o topónimo xeneralízase. No ano 1928 o viaxante comercial José Mas, sevillano, publica a novela La Costa de la Muerte, centrada principalmente en Malpica, e da que hai excelente tradución ao galego por Héctor Pose, Xosé Manuel Varela e Manuel Vilar (1998).