Punto limpo

A. MARTÍNEZ

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

18 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

ONTE FUN ao punto limpo de Carballo a entregar un pouco de chatarra. Xa se sabe, unha radio que non funciona desde fai anos, unha máquina de afeitar que non serve nin para quitarlle a pelusa a unha chaqueta de lá, unha persiana destartalada... en fin, esas cousas que se van acumulando nalgún recuncho da casa ata que, coa chegada da primavera, remangámonos para facer limpeza a fondo. Eu, que, a verdade, desconfiaba bastante do éxito deste tipo de instalacións, sobre todo vendo como seguen a proliferar os vertedoiros incontrolados na Costa da Morte, puiden comprobar onte que non só había outras persoas diante de min para entregar unha lavadora vella, senón que os depósitos dos diferentes materiais están cheos a rebosar. Visto deste xeito, non me estranaría que a iniciativa para situar tamén no recinto do polígono de Bértoa un punto de recollida de aceites de cociña fora tamén ben acollida pola poboación. Todo hai que dicilo, a clasificación dos residuos poderíase mellorar un chisquiño, ou mesmo o procedemento manual de toma de datos dos usuarios do servizo, que non estaría de máis substituír por un programa informático que nos aforrase tempo a todos e que, postos a elucubrar, facilitase a elaboración desas estatísticas coas que, de cando en vez, nos sorprende a Concellería de Medio Ambiente. Descoñezo o funcionamento dos outros puntos limpos da Costa da Morte, pero se os veciños de localidades como Cerceda ou Ponteceso úsanos na mesma medida que os de Carballo, desde logo que o resto dos concellos deberían ir pensando en ampliar a rede. Quizáis desta maneira fose posible erradicar prácticas tan frecuentes aínda na nosa comarca, por desgraza, como a acumulación de colchóns, escombros e todo tipo de obxectos voluminosos nas nosas rúas, nos nosos montes ou nos nosos ríos.