Aquel gol

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

09 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

UNHA GRANDE multitude despediu o mércores ao primeiro goleador da Liga da Costa. Pepe de Agosto era un home moi querido nas terras soneirás. Moitos afeccionados e aínda xogadores do equipo local formaron parte da inmensa comitiva fúnebre cara o cemiterio de Baio Pequeno. O seu chupinazo que entrou coma un obús na portería do Buño quedará para historia comarcal como quedou o da man de Deus de Maradona, o penal de Panenca, o gol de tacón de Di Estéfano ou o do fraco voador (Cruyff) contra o Atlético. Dende que o fútbol é fútbol ten dado moitos heroes locais. Aqueles que o practicaban nas inmediacións da fábrica de Carburos de Brens. O Corcubión xogando en Pedras Brancas de Carballo ou os que aprendían a centrar dende o corruncho cos soldados do campamento da Cacharosa. Ou aquelas xestas dos que ían xogar á localidade veciña e que tiñan como único medio de transporte a bicicleta. E nin sequera había bicicletas dabondo. Algunhas levaban dous viaxeiros. Un dáballe aos pedais e o outro ía de paquete, pero as quendas cambiaban e cando chegaban ao campo de fútbol xa levaban as camisetas suadas. Non había concesión ao cansazo. Máis que deportistas eran heroes, auténticos supermáns. Eran tempos, coma os que me contou un amigo onte. Cando era cativo, el e máis os seus compañeiros non tiñan cartos para balóns. Así que un día que a nai dun deles lle mercou unha pelota de cores na feira non lles daba rematado a hora da escola. Cando saíron puxéronse a xogar na estrada dalle que te pego ata que un mangallón lle dou tal zocada de punteira ao esférico que subiu polo menos 15 metros. Todos mirando ao ceo e a bola de goma caendo a plomo ata que xusto foi dar nunha cana de millo. O furado tiña case media cuarta. Acabouse o partido e os rapaces ían marchando para as casas contando as pedras do camiño.