ARA SOLIS | O |
24 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.NON FAI moitos días que alguén comentaba nun bar o sablazo que lle meteran nunha parrillada da zona. Xa non tanto porque os comensais tiveran que pagar o churrasco a prezo de ternera expresamente importada da Pampa arxentina, senón, e sobre todo, polos oito euros que figuraban na factura ao lado da palabra pan. A euro por cabeza lles saiu a broma, e iso que eles aseguraban que só lles serviran dúas cestiñas cuns anacos de molete. Dá que pensar que nunha comarca que leva anos pelexando por un desenvolvemento turístico que vai chegando con máis lentitude da esperada aínda se produzan atracos a man armada destas dimensións. É un dos males da hostelería local, que ás veces parece que non se decata do cara que vai a vida para todos, e, así, o único que provoca é unha estampida de clientela e que, por culpa de casos coma éste, paguen xustos por pecadores. Agora que estamos nunha das épocas do ano de maior afluencia de xente á Costa da Morte, tal vez o sector debería pararse a reflexionar sobre estas cuestións e pensar máis no futuro que no presente inmediato. O que hai que vender son os bos productos que hai na zona e a arte que teñen os nosos cociñeiros, porque, ao final, iso é o que de verdade conta.