O río

A. MARTÍNEZ

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

03 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

FAI UNS días fun dar un paseo pola beira do Anllóns, desde o parque que leva o mesmo nome do río, no mesmo corazón de Carballo, ata a ponte do Quinto. E a verdade é que se respira unha tranquilidade que xa non hai no centro urbán. Pero o que me pareceu máis interesante é que, mesmo aos carballeses de sempre, coma min, permítenos descubrir unha nova imaxe dese río que tan importante é para a comarca de Bergantiños e ao que durante tanto tempo lle demos as costas. Unha actuación tan pequena, pero con tanta utilidade, como a que levou a cabo nese tramo o Concello de Carballo permítenos mesmo adiviñar como será o Anllóns dentro de poucos anos, cando o proxecto que se vai financiar cos fondos do Agader se leve a cabo cara o outro lado, ou cando -se chega a converterse en realidade- se desenvolvan urbanisticamente os polígonos da Lagoa e o Bosque do Añón. Pero non só na capital de Bergantiños se está a recuperar o río. Tamén na Laracha está en proceso de execución unha actuación moi semellante, sen esquecer que acaba de construírse un novo tramo de paseo urbán en Ponteceso. E para de contar. O Anllóns é fonte de vida para a bisbarra. Del bebemos, a el devolvemos as augas residuais -cada vez máis depuradas, aínda que non por completo-, nel pescamos, el ofrécenos paraxes paradisiacas como o refuxio de Verdes para disfrutar do verán, e mesmo a riqueza do marisqueo na súa desembocadura. E, a pesares de todo iso, aínda non lle damos o tratamento nin a importancia que merece. Aprendemos, máis que nada, porque non nos queda outro remedio. Non hai tantos anos que os pobos da Costa da Morte se edificaban de costas ao mar. Agora xa non pasa. E seguro que algún día tamén redescubrimos os nosos ríos.