«A Costa da Morte é como a miña segunda patria»

Santiago Garrido Rial
S. Garrido CARBALLO

CARBALLO

22 oct 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

O conselleiro da Presidencia, Jaime Pita Varela, acudiu o luns ó castelo de Vimianzo para consituír a Fundación Comarcal Terra de Soneira. Alí falou das vantaxes que implicará para a bisbarra este novo órgano, pero tamén aproveitou para recordar os seus anos na bisbarra. -¿Coñece vostede a Costa da Morte? -¡Que se a coñezo...! A Costa da Morte é como a miña segunda patria, veño moito por aquí. Pasei moitos anos no colexio de Cabana. De feito, non hai parroquia deste concello pola que eu non andara. E tamén doutros. Viña moito a Vimianzo, a Ponteceso... Recordo os problemas que había con Celulosas, os movementos sociais. Foi unha época de moitas peripecias, de loita por conseguir transporte escolar para os nenos, as visitas a Barilongo. E, ademais, paso moito tempo en Portozás , jeje. En Laxe. Coñezo ben esta bisbarra. -¿E que lle parece? -Tódallas terras de Galicia son importantes, pero ésta é especial. Estamos cara o Fisterra, o máis occidental de toda Europa. Na periferia da periferia. Estar tan lonxe sempre foi un atranco histórico, e o que hai que facer é superar eses atrancos. A constitución da Fundación Comarcal Terra de Soneira é un paso moi importante, e hai que profundizar aínda moito máis. Iso pódese facer coa colaboración das asociacións, de todo tipo de entidades, dos concellos. Os pasos danse amodo. - ¿Que máis se pode facer ? -Hai que aproveitar os recursos neste territorio, que son moitos, e hai que aproveitalos para o mellor desenvolvemento en sectores importantes como o turismo, o comercio e outros. -Parecer ser que coa comarca de Soneira péchase un ciclo. ¿A de Fisterra non funcionará polo de agora? -Tampouco é así exactamente. O que temos que facer é ir cumprindo uns prazos pouco a pouco. Hai que decatarse de que a capacidade orzamentaria é limitada e, a medida que vaia habendo máis fondos, iremos dando saída a outras comarcas, entre elas, a de Fisterra. - ¿Que sitio lle gustaría para ser sé física da fundación soneirana? -Eu nese tema non me podo pronunciar, nin quero. Si podería dicir, a título particular, que tal sitio me parece máis axeitado, pero entendo que son os tres alcaldes implicados -Camariñas, Vimianzo e Zas- os que, nas sucesivas reunións que irán mantendo, poden chegar a acordos concretos.