CARBALLO-ORDES

La Voz

CARBALLO

20 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai uns días este xornal anunciaba que o comezo das obras na estrada Carballo-Ordes era inminente. Por fin, o arranxo dos trinta e poucos quilómetros que separan as dúas cabezas de comarca vai ser un feito. A vía vai estar financiada co plan Miner e a inversión á que se comprometeron as institucións é millonaria (en euriños). Non podemos deixar de alegrarnos pola nova, a situación na que se atopa esta estrada é lamentable, máis se pensamos que xungue dúas vilas de notable importancia . Deben ser as dúas comarcas galegas peor comunicadas. As relacións entre os dous pobos pasan por corenta minutos de tortura automobilística, máis propio do Camel Trophy ca dunha estrada comarcal. Non fai falla ser un experto en materia económica para decatarse de que a prometida mellora da vía reactivaría un pouco máis a economía das dúas comarcas. No caso de Carballo en particular significaría, entre outras cousas, ter máis cerca o aeroporto santiagués de Labacolla e a apertura a concellos próximos como é o caso de Cerceda ou Tordoia. Se realmente queremos potenciar as comarcas como motor de desenvolvemento para as vilas e as aldeas, e atraer a inversión de empresas para a zona, o primeiro paso é poder comunicarnos, de aí a importancia das infraestructuras. Nestes meses nos que se discute sobre o trazado do AVE, sobre a importancia das infraestructuras para a converxencia con Europa, do milagre irlandés, das vantaxes da liña ADSL ou da ampliación da Unión Europea, os habitantes dos concellos de Carballo, Cerceda ou Ordes emulan a Sáinz-Moya esquivando fochancas, baixando cambios de rasante vertixinosos e vendo o mundo en forma de curva sempiterna. Entramos no século XXI con televisores en cada casa, tractores de prezos estratosféricos, coches con sistema de navegación, mozos e mozas ligando con xentes doutros países por internet. Vivimos unha era que os expertos denominan a aldea global, coñecemos ó momento o que está a pasar en Kinshasa ou Melbourne. Mais, entre nós, se volvera Ulises para a particular odisea Ordes-Carballo recomendaríalle un daqueles vellos Land-Rover que tanto abundaron nos anos setenta.