ROBERTO TRABA VELAY CRÓNICAS DE FINISTERRA
08 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Sorprendentemente, esta miña crónica do xoves estouna empezando a escribir en domingo, así que por tempo non ha de sere, pois teño dabondo para redactala e para enviala por fax sen tachóns, nin correccións, e sen tampouco frases escritas entre liñas con flechiña indicadoras para volver tolo ó probe de Santiago Garrido. Non señor, hoxe o problema non é de tempo, hoxe a cuestión estriba en cal dos temas que me están dando voltas á cabeza vai a ser elexido. E, certamente, a cousa estache bastante difícil. Un tema suxerente e posiblememente esperpéntico podería ser escribi-la estravagante crónia sobre o estado da Nación Fisterrana e, de paso, para darlle aínda máis patetismo se cabe, animar a retransmitilo polas -por certo- moitas veces recordadas ondas da xa desaparecida Radio Fisterra. O debate, como dixen, sería patético, pero iso non quere dicir que por outro lado tivera tamén unha solemne coña, porque todo mundo distinguiría o concelleiro Aznar pero, ¿quen sería aquí o Zapate-ro? Outra posibilidade a tratar sería sobre unha hipotética campaña publicitaria aglutinadora das festas que durante o verán se celebran nos diferentes lugares da Costa da Morte. sería impresionante poder ver un impactante spot -anuncio- na pantalla do televexo, no que unha grave voz varonil dixera: «A Costa da Morte en festas»; ou quizáis mellor, escoitar a fala clara e feminina dunha muller que diga: «A festa da Costa da Morte». Daquela só necesitariamos un cartel anunciador co cronolóxico intinerario no que se indicara canta carallada mariñeira e labrega ofertamos nesta terra. Facendo unha soa festa de todas cantas festas hai estou ben seguro de que os incansables festeiros estaríanche perfectamente informados de a donde e como acudir cada día e cada noite do verán para pasalo a tope. Non estaría nada mal tampouco falar sobre a suspensión do campionato de fútbol sala que se celebraba en Corcubión, e decir que o meu equipo ía de primeiro, pero o peor de todo é que despois de mercar unhas camisetas para os rapaces, somentes poideron xogar un día con elas. A ver que fago agora, porque isto non é seriedade. Pero, definitivamente, penso que en verdade o que hoxe me gustaría escribir é sobre unha moza ou rapaza da escola de danza Terra de Sena de Cee que participou no festival de baile rexional, nacional ou posmoderno galego que se organizou na Festa do Longueirón. A rapaza bailaba como os anxos, con sorrisa contaxiosa e natutal elegancia. Eu estaba tan cerca do palco que lle escoitei dicir, mentras danzaba, a unha compañeira: «Estame caendo a zapatilla». Mirei cara os seus pes e comprobei que si, que a zapatilla desprendérase do talón. Pero ela bailou como se nada, mellor aínda, e iso que os puntos da peza éranche ben difíciles, polo menos máis difíciles que montar un debate, facer unha campaña publicitaria e, por suposto, reiniciar unha simple competición deportiva.