A festa da cultura pide prórroga

REDACCIÓN CARBALLO

CARBALLO

Durante toda a semana continuarán nos concellos de Carballo e Cabana de Bergantiños os actos de homenaxe a Manuel Murguía Despois dunha intensa semana de celebracións, a festa das Letras Galegas entra en período de prórroga. Mentras localidades como O Couto se recuperan da resaca de actividades, que remataron coa tradicional Mostra da Artesanía, concellos como Carballo e Cabana decidiron prolongar a celebración. Na capital de Bergantiños, a oferta vai fundamentalmente dirixida ós escolares, que poderán coñecer máis de cerca a personaxe de Manuel Murguía. Ó autor homenaxeado tamén se lle adicarán concertos e contos, tanto na vila carballesa como en Cabana, onde Lino Braxe protagoniza hoxe un recital poético-musical.

22 may 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Aínda non está todo dito sobre Manuel Murguía. Alomenos non en tódolos concellos da comarca de Bergantiños. O Concello de Cabana programou para hoxe un recital poético-musical titulado O bico da serpe e protagonizado por Lino Braxe. Os principais destinatarios son os alumnos do colexio As Revoltas, onde se levará a cabo a actividade a partir das doce e media da mañá.No local social de Neaño, en colaboración coa asociación O Santo de Pólvora, sigue aberta ata o día 28 a Mostra de Artesanía do Liño. Nesa mesma localidade, a partir das seis da tarde do domingo, haberá un concerto da Xove Banda de Narón. O mesmo día, pero unha hora despois, actuará en Canduas Teatro da Bufarda.A oferta continúa tamén en Carballo, despois do Concerto das Letras que ofreceu o sábado a Banda Municipal de Música e da sesión de contacontos protagonizada por Marisa Amado e Magdalena Labarga, que inauguraron un ciclo internacional. Mañá comezarán as charlas sobre Murguía. Henrique Rabuñal, en colaboración coa editorial A Nosa Terra, falará na Casa da Xuventude para os escolares de Primaria, e Anxo Angueira estará ás oito e media da tarde na biblioteca, nun acto no que tamén participa a editorial Xerais.Henrique Rabuñal tamén estará mañá en Carballo en horario escolar. Pola tarde, ás oito, terá lugar na Casa da Xuventude o primeiro concerto do ciclo de Xoves Intérpretes, protagonizado por alumnos do Conservatorio. O día 26 actuará a Big Band, e o 27 será a segunda sesión de contacontos. Os actos rematarán o 3 de xuño.No resto dos concellos da comarca xa remataron as actividades. A asociación cultural Monte Branco de O Couto pode facer un balance satisfactorio, a pesar da mala pasada que xogou o vento durante a fin de semana. As Xornadas de Lingua e Literatura resultaron un éxito, tanto desde o punto de vista dos autores participantes como do público, aínda que acadaron o seu cumio coa visita do colectivo Brais Pinto. O domingo, como colofón a unha semana moi intensa, celebrouse a tradicional Mostra da Artesanía, que, como a Festa das Letras, cumpriu dezasete anos.